miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Darío Xohán Cabana

Dario_Xohan_Cabana_CROMO

Darío Xohán Cabana, o nacemento dun escritor

O autor de Cospeito é moi crítico cos seus dous primeros libros e agarda ilusionado a saída do seguinte, o Romanceiro

El Progreso 17/01/2022

HOXE HAI DOUS meses da morte de Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952), e cando esteamos despistados, anunciarán que se celebra o Día das Letras Galegas a el dedicado. O tempo escapa por entre os dedos coma auga imposible de conter.

Lonxe das biografías oficiais que recollen todo canto fixo Darío, e as que virán sen moito tardar, prefiro encher o seu cromo coas lembranzas deses tempos máis idos aínda, como foron os anos nos que faciamos por sobresaír na escrita, fose con poesía, no teatro ou no xornalismo.

O meu primeiro recordo de Darío é do ano 1968, cando xa era upegallo ou estaba a piques de selo. Non cumprira os dezasete e xa ía por Lugo cun cartapacio baixo o brazo onde viaxaban as súas últimas composicións poéticas, ou se cadra, levaba todas porque a súa paixón pola lírica non se limitaba ao traballo da creación, senón que era un continuum ao longo de todo o día, fixese o que fixese.

Alguén podería pensar que chegaba a ser obsesivo e non andaría desencamiñado, pero tanto ou máis para Darío, como para os que estabamos ao seu carón.

Lembro unha tarde ao redor dunhas cuncas de tinto ben mesto nos bancos que tiña a adega Cacabelos diante da catedral, con Darío, Juan Soto e algún máis. Todos podiamos falar do que fose, pero de cando en vez, Darío tiraba do cartapacio un folio e púñase a ler o poema coma se fose a súa intervención na conversa.

Daquela o seu nome xa comeza a ser habitual nas actas de premios de poesía en toda Galicia. O seu, o de  Xesús Rábade Paredes e o de Xavier Rodríguez Barrio van ocupar esas redaccións centos de veces nos próximos meses e anos. 

Tamén sitúo perto desa tarde no Cacabelos a aparición do seu primeiro poema na Táboa Redonda que Juan e mais eu axudabamos a encher con don Ánxel Fole como gran santón das letras luguesas.

E como non podía ser doutro xeito, Darío foi tamén o personaxe dunha das miñas primeiras entrevistas, aínda que xa na década dos setenta, cando o seu nome figura na nómina de varias ducias de certames poéticos, se ben faltan por chegar os máis importantes da súa vida.

“Teño 19 anos”, dime cando falamos do obrigatorio servizo militar, que é sempre un tema omnipresente para toda a nosa xeración. Naqueles intres, Rábade Paredes viste o tres cuartos militar nalgún campamento e iso impresiona aos civís.

Falamos do ‘Romanceiro da Terra Cha’ e Darío anuncia que esa mesma tarde irá á Celta para ver como anda a imprenta coa obra. Non obstante, o Romanceiro sairá dous anos máis tarde na colección Pico Sacro de Castrelos. 

El opina que este poemario é moito mellor cos dous primeiros, que xa están editados, ‘Home e terra’ e ‘Verbas a un irmao’, “o cal non quere dicir que sexa bo”, aclara para fuxir da presunción.

“É unha poesía de tipo popular e só quixen facer romances, pois considero que é a forma poética máis axeitada para tratar eses temas”. Unha poesía de carácter social, “pero non de protesta”.

Ás portas dese terceiro título na súa carreira, o escritor amósase moi crítico cos dous anteriores e chega a dicir que de ser hoxe _ 1971 _, non os publicaría.

Cando lle pregunto polos autores da Terra Cha que máis admira cita a Aquilino Iglesia Alvariño, Crecente Vega e por suposto, Manuel María. Tamén ten unha referencia moi positiva sobre Margarita Ledo Andión, que comeza entón a súa andaina literaria e xornalística.

Lamenta que a poesía galega de entón estea dividida entre os intimistas e os socias, posto que é “tan ampla como a vista e non se debe limitar un a facer unha clase de poesía”.
     
 

Darío Xohán Cabana