Araceli Herrero Figueroa

Araceli Herrero, a voz dos primeiros días das Letras Galegas 

A estudosa de Pimentel, Cunqueiro e Pardo Bazán tamén deixa unha premiada obra poética

Araceli_Herrero_Figueroa_CROMO

El Progreso 11/08/2020

A VIDA TEN estas cousas. Da man de Ricardo Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa (Lugo, 1948) foi protagonista das primeiras celebracións do Día das Letras Galegas ao longo da década dos sesenta, tanto en Fingoi como na universidade de Santiago, onde o profesor sempre conta coa súa voz de rapsoda para o acto central.

Agora, en 2020, cando esa festa está dedicada a Carballo e ela sería unhas das voces máis autorizadas para falar do seu profesor, Araceli cae vítima da pandemia malia a súa denodada loita contra a enfermidade.

Lili, o seu nome amical, era filla do odontólogo Cipriano Herrero Prieto _ fillo a súa vez de José Herrero Lobejón _, e de María Figueroa Mosteiro, pertencente a outra coñecida familia lucense.

O seu nacemento coincide co da Escola Agrícola de Barreiros, que é a orixe do Colexio Fingoi, o centro onde coincidirá con Carballo e onde  formará definitivamente a súa vocación literaria.

A primeira intervención de Araceli fóra das obrigadas actuacións no escenario colexial que tanto propiciaba don Ricardo, é o 13 de decembro de 1963 no Círculo das Artes, onde participa no ciclo ao redor da exposición Cen anos de Literatura Galega sendo alumna de sexto curso. Recita poemas de Rosalía de Castro na compaña do futuro sindicalista e concelleiro coruñés _ un dos 23 do Ferrol _, Rafael Bárez Vázquez, que estuda o bachalerato en Lugo.  

Nese acto, Arcadio López Casanova adianta algún verso do libro Palabra de honor e tamén pode escoitarse a Celso Emilio Ferreiro. 

O Preu no Instituto e os primeiros anos na Universidade van ser dunha gran actividade. En marzo de 1965 gana os III xogos florais Minerva en lingua galega cunha triloxía presentada baixo o lema Liliana.

O mesmo fallo premia no segundo lugar a triloxía Murmurios, que asina Fernando Ónega, daquela alumno do Instituto masculino e do Eijo Garay lucense, e no terceiro, a titulada Pimpinela, da irmá de Araceli, María del Carmen, alumna de Fingoi, que seguramente lembra nese nome o seu papel da obra Os vellos non deben de namorarse que ambas as dúas representan en Lugo ás ordes de Carballo.

Ese mesmo mes de 1965 ten lugar a homenaxe a Luis Pimentel no paraninfo da Cidade Cultural, con Carballo oficiando de sumo sacerdote, e con María del Carmen de Cabo, a muller de Antonio Cillero, e Antonio Penedo como os seus grandes rapsodas.

Neste acto Araceli xa figura na banda dos autores, con obra propia como os outros poetas que interveñen: García-Bodaño, Bernardiño Graña, López Casanova, García Cotarelo e Manuel María. 

É o anuncio das futuras publicacións de Araceli, Luis Pimentel. Obra inédita, o no recopilada (Ed Celta, 1981) e Obra completa (Galaxia, 2009), o traballo e a recompilación máis salientable do autor lugués.

O 6 de marzo de 1966 El Progreso publica na primeira plana unha fotografía de Araceli, alumna xa en Santiago, porque vén de gañar o Premio Nacional e a flor natural de poesía galega nos xogos florais universitarios celebrados en Santiago. Fernández Riego, José Inchausti e Jaime Pomar son os vencedores en castelán, vasco e catalán, respectivamente.  

Como deciamos, os anos 1966 e 1967, Araceli será a palabra nas celebracións dos días das Letras Galegas. Xa neste último ano anúnciase para o seguinte a súa voda co enxeñeiro de Camiños Humberto Vázquez.

A pioneira no ensino en galego e catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura deixa tamén estudos sobre Cunqueiro, a Pardo Bazán e Cotarelo Valledor, entre outros, así como unha obra poética prácticamente inédita que debería deixar de estalo. 

Más en Álbum de los lucenses
Comentarios