sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

Antonio Noriega Varela

Os Pelúdez recomendados por Noriega Varela

Neste mes de outubre celébrase o 150 aniversario do nacemento do poeta

El Progreso 27/10/2019

A PRIMEIRA VEZ que sae na prensa o nome de Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869) é o 5 de xuño de 1903 en El Noroeste, un ano antes de Montañesas, ou sexa, a súa principal obra, coñecida hoxe como Do ermo.

Noriega consulta desde Foz ao latinista de Ourol, Riguera Montero, cal debe ser o patronímico das xentes e das cousas de Ribadeo, e Riguera respóndelle cunha fundamentada explicación que non agradará hoxe escoitala aos seus habitantes, pois conclúe que chamalos “ribadenses” é unha atrocidade lingüística, semellante a falar dos inglenses, dos francenses ou dos holandenses,

Pola súa orixe latina, o correcto, segundo Riguera, é dicir ribadeano, e na linguaxe literaria, ripadeuvense. Ben se ve que veu a fala popular para facer un monstro frankestein entre os dous termos e fabricar ribadense.

Lembramos a primeira aparición na prensa de Noriega Varela nestes 150 anos do seu nacemento que se cumpren agora, como mostra da súa preocupación pola corrección lingüística e por recoller verbas galegas que poderían estar en perigo, que tanto lle deu para escribir a Aquilino Iglesia Alvariño facendo de Noriega e de Leiras Pulpeiro, os extremos da montaña e da mariña literarias.

Noriega é o poeta escollido por Aquilino para abrir aquela homenaxe de 1961 a Cunqueiro e a Fernando Esquío na Porta Miñá da muralla, organizada pola Asociación da Prensa de Lugo, que preside Purificación de Cora, o cal fala moito do simbolismo que xa daquela ten o escritor mindoniense.

Os xornalistas queren homenaxear a Cunqueiro polo seu premio da Crítica; Cunqueiro, a Esquío, e Aquilino, a Noriega.

O autor de Do Ermo está moi vencellado a El Progreso desde a fundación do xornal en 1908. Juan Ramón Somoza publica ao ano seguinte un recoñecemento de Montañesas como libro simbólico, non xa da montaña, senón de toda Galicia, e a partir dese intre, entre a cabeceira lucense e o poeta hai unha comuñón de amizade, semellante á que tamén se establece máis tarde con Castro Gil, co propio Cunqueiro ou con Fole.

Noriega é membro de honra da Asociación da Prensa de Lugo desde 1926 e o punto culminante desa boa harmonía ten lugar coa cuarta edición de Do ermo, realizada pola A. da P. en 1946 e que finalmente foi a maior distribución acada.

Alí hai poemas a Leal Insua, a Julia Minguillón, a Puro de Cora, a Trapero e a Pelúdez. Precisamente, ao pouco tempo de comezar Trapero a súa sección de E Pelúdez dixo..., alá polo ano 1943, faille unha consulta a Noriega sobre os antecendentes literarios do personaxe. É dicir, que autores e que libros pensa Noriega que poden ser citados como pertencentes ao mesmo estilo literario que Pelúdez.

A consulta tivo a resposta solicitada, pois o mindoniense fálalle en primeiro lugar de Benito Losada Astray, no que se refire aos seus Contiños da terra, aínda que os considera “demasiado eróticos”, como xa fixera a Pardo Bazán. Cita a Valentín Lamas Carvajal e a súa Gallegada, ao Añón de A Pantasma, e a Enrique Labarta Pose, que parece o seu favorito, como tamén é o noso, pois a recomendación é que lea todo canto poda dese autor.

Indícalle tamén que coñeza as poesías de Xavier Prado “Lameiro”, que saen en O Tío Marcos da Portela, de Lamas Carvajal; a Chao Ledo, Curros, Leiras, Rey Soto, Aureliano Pereira, o Xesús Rodríguez López de Cousas das mulleres, e a un portugués “que é para estoupar da risa”, pero que non se lembra como se chama, autor de Andam faunos pelos bosques. Bo, pois ese home é Aquilino Ribeiro.

       

Antonio Noriega Varela
Comentarios