miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Moncho Borrajo: "Tiven ameazas de bomba e teatros pechados por ser crítico na política"

Moncho Borrajo. EP
Moncho Borrajo. EP
É todo un showman e tras case 50 anos volve reinventarse co espectáculo 'A Pelo'. O sábado desembarca en Pontevedra, e o domingo, en Vigo

A CREATIVIDADE de Borrajo non coñece límites. Pinta, canta, escribe..Non hai nada que se lle resista a este mestre do humor sen censura que leva toda a vida dedicándose á sua paixón: facer rir ao público.

Presenta 'A Pelo'. Como o define?

Naceu de xeito casual. Tiña que facer unha función na Coruña e non había teatro, entón deixáronme un recinto que era unha sala de conferencias. Tiña unha pantalla moi grande e un escenario pequeno sen espazo para poñer nin luces e dixen: pois imos ter que traballar ‘a pelo’! E así xurdiu este espectáculo que fala das cousas que se fan ‘a pelo’: facer o amor, cantar, contar un conto... É minimalista e ten moi pouco de política porque a xente xa está cansa. Así como na Transición tivemos uns políticos que aguantaban moi ben as bromas, os de agora penso que teñen a pel moi fina.

Ten Borrajo pelos na lingua?

Sempre quixen facer un humor políticamente incorrecto porque todo o que é políticamente correcto é censura camuflada. A xente últimamente confunde o humor co insulto, unha cousa é ser inxenioso e ter retranca e outra faltar ao respecto. O outro día contei un chiste de gays e unha señora chamoume homófobo, pois estamos apañados! Hoxe en día as redes sociais permiten que os tontos opinen e se crean listos, isto é preocupante. Unha persoa que vaia ver un cómico ten que ter a mente aberta e máis se me veñen ver a min, que me río de min mesmo.

Foi moi crítico cos políticos... Causoulle isto moitos problemas?

Moitos, tiven dúas ameazas de bomba no País Vasco e pecháronme varios teatros por ser crítico coa política. Por iso os novos monologuistas son políticamente correctos. Eu metinme con Franco, con Felipe González, con Aznar e co que veña.

Amosouse moi crítico con Pedro Sánchez. Seguiu a investidura?

Pareceume vergoñento o comportamento de todos. O insulto non me vale, veña de quen veña. Somos un pobo que votamos máis co corazón que coa cabeza. Eu fun cambiando de voto dependento do momento social, pero hai xente que si seu avó foi dun partido, el segue sendo dese partido.

Declarouse abertamente homosexual, que opina da irrupción de Vox que quere meter a este colectivo dentro do armario?

Cando o pobo asume algo non hai partido que llo poda quitar salvo se é unha ditadura. Cado apareceu o divorcio púxose o grito no ceo, cando se falou dos homosexuais, o mesmo, e nunca pasou nada. Eu na miña casa pódome vestir de flamenca que se non molesto, ninguén me pode decir nada. Todos estes partidos que radicalizan as cousas perden votos porque a xente non vai consentir que se lle falte ao respecto. Cando intentas enfrontar ao pobo non tes percorrido, e isto é o que lle pasa a Vox.

Coarta máis a liberdade de expresión a esquerda ou a dereita? (Risas)

Os partidos son pirámides e se nunha das listas hai catro lamecús son capaces de facer o que sexa por quedar ben co xefe. Por moi crítico que eu sexa con Sánchez el non vai esixirlle a ninguén que eu non volva traballar. Pero os lamecús, con tal de que o señorito estea ben, fan calquera cousa.

Leva case medio século nos escenarios. Cal é o seu balance?

Rompín moitos moldes e semrpe me sentín moi querido. Sigo enchendo teatros despois de 50 anos, todo un logro. O público é o que compra as entradas e aínda que os políticos non me queiran os espectadores son os que mandan. Baches témolos todos: tiven unha depresión, retireime cinco anos para estar con meu pai... pero aquí sigo, moi querido en tódolos sitios e sobre todo na miña terra.

Como deu o salto da arquitectura ao mundo cómico?

Empecei Arquitectura e fixen Belas Artes, pero como era un cú inquieto tamén tocaba a guitarra e cantaba. A policía viña aos locais nos que actuaba a vixiar e cando entraban acendíase unha bombilla vermella. Entón eu paraba de cantar e contaba chistes, e como o axente estivera media hora, media hora estaba eu facendo mariconadas. Así comecei neste mundo, case sen querelo.

Que cualidades ten que ter un humorista para facer rir?

Sobre todo ten que ter capacidade de observación, o cómico no fondo é un espello da realidade. Non falamos de filosofía ou de literatura, centrámonos na vida cotiá. E logo é fundamental ter gracia, esta cualidade ou a tes, ou non a tes. Non imaxino a Aznar ou a Zapatero contando chistes (risas)

É un dos poucos que pode facer rir e chorar ao mesmo tempo... Estase extinguindo a estirpe cómica?

A tenrura é fundamental para acabar coa agresividade, e ese toque ao corazón sempre se agradece. Un exemplo é Gila, falando por teléfono da guerra recén rematada.

Despois de tantas décadas de carreira, déuselle o recoñecemento que merece?

O público si, quérenme moito e sigo sendo o Monchiño para todos. É certo que non me deron ningún premio oficial, pero non me preocupa. Como eu digo: que me queiran agora e non me fagan estatuas cando morra para que mas caguen as pombas. (Risas)

É vostede superdotado, ¿ten isto máis ventaxas ou inconvintes?

De cintura para arriba (risas). Foi un diagnóstico médico, pero nunca fun un bicho raro. Aínda que miña nai sempre decía que facía demasiadas preguntas.

Nacer un 25 de decembro convírteo nunha persoa especial...

Fíxome ser setemesino e ter moitos problemas. Non sei como estou vivo! Ademais só me dan un regalo para o Cumpreanos e o Nadal.

Quédalle algo no tinteiro?

Estou rematando unha novela e quero facer un espectáculo para nenos entre 9 e 14 anos que son máis listos do que a xente cree.

Moncho Borrajo: "Tiven ameazas de bomba e teatros pechados por ser...
Comentarios