Miguel de Lira: "Prestei unha batería e saíron Os Resentidos e Semen Up"

Un accidente de coche en 1927 cambiou o trazado das comunicacións no sur de Galicia. Chévere represéntao en Curva España no auditorio municipal de Lugo o domingo ás 18.30 horas
2020011618022816283

MIGUEL DE LIRA en Galicia, Miguel de Clarisa en Lira, ten por coordenadas a vila na que naceu, a busca do segundo plano na vida e Chévere. Chegou a Santiago con 11 anos, cando morreu Franco, en 1975. "Viña dunha vila e a cidade con esa idade non é fácil". Tres décadas máis tarde, encabeza o reparto de Curva España unha obra que teatraliza a investigación que o grupo teatral fixo arredor da morte do enxeñeiro José Fernández España nunha curva do municipio de Riós, cerca de Verín. Ese accidente xerou o cambio da planificación das vías —que ían atravesar unha zona poboada a outra inhóspita— e unha lenda sobre que, tras o suceso, hai un crime. Paralelamente, De Lira está en promoción da película Eroski Paraíso, na que Jorge Coira rodou a peza dramática de Chévere sobre unha parella da Costa da Morte que revisa o seu pasado para unha película que roda a filla.

Nesta versión representan unha obra de teatro na que se filma unha película.

A diferenza co teatro é que rodamos nunha semana e con dúas cámaras sen saber cal delas gravaba. Estabamos máis perdidos.

Pero non os distraía o público.

O público focaliza. Foron tres anos facendo a obra e tes rutinas. Por outra banda, hai unha nova capa de frescura, cousas imprevistas. O equipo de cine non vira a representación e houbo un desconcerto positivo. O resultado é curioso.

Debeu facer que non sabía actuar volver aos 19 anos.

Hai que deconstruír o personaxe. Usar moito tic, querer ser agradable, cambiar de lingua ás veces, cambiar a expresión corporal,... debes buscar a medida precisa, meter distorsión como se fai na música.

Empezou na música. Estudaba Dereito, de onde foi rescatado para metelo no teatro, aínda que lle tiraba máis tocar un instrumento.

Axudaba en fancines, ía a concertos e tiña unha batería. Deixeilla a un colega e el, a outro. Acabou ciscada entre moitos músicos, xente que tocaba nos primeiros Os Resentidos ou Semen Up. Desa batería saíron moitos grupos. Estiven cerca de ser batería, pero había outros que eran mellores. Coñecín o mundo teatral e deime de conta de que iso era o que me molaba.

Leva 33 anos en Chévere. Vostede ten un cartel como actor que podería tapar todo, pero o proxecto do grupo teatral parece pesar máis que a súa carreira individual.

Teño unha pata en Chévere e outra, na aventura. En teatro profesional estou en Chévere; en audiovisual, depende de que Chévere promova unha película, pero non é habitual.

A súa orde de prioridades é Chevere, Lira e Miguel?

En Chévere formo parte da produción, é unha creación colectiva. Curva España é unha prioridade fronte a outros proxectos.

Fáleme deses proxectos, por favor.

Apareceu unha serie en firme en Galicia e posibilidades doutras en Portugal (na RTP) e en España.

Chévere é unha responsabilidade.

Non. É que quero estar en cada proxecto novo de Chévere. Soamente fago outras cousas se podo compaxinalas. Veño de facer o filme Ons de Alfonso Zarauza. Crear de cero, como facemos en Chévere, é difícil. Achegas tempo, silencios e pausas. Temos que estar Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e máis eu. Non pode faltar ningún dos tres para que haxa equilibrio.

Concebiron Curva España como metáfora do que puido ser o país se escolle outra vía para desenvolverse.

Unha metáfora? Non sei se...

O accidente de coche como o accidente de España.

Fíxonos graza que lle poñan Curva España a unha curva. Empezamos a elaborar unha documentación básica sobre o que aconteceu alí. Foi un frechazo. Tratamos de darlle empaque e ver como se fixo a construción de España.

Usan a fórmula do documental para elaborar esta obra. Xa o fixeran en Citizen ou en Eroski Paraíso. Poden seguir avanzando nese xénero tras Curva España?

Non o sei. Consiste nun desenvolmento do documental posto enriba dun escenario. Neste caso hai un documental ao vivo que se pode ver pola pantalla no teatro.

Que posibilidades intúe nese xogo de cine e teatro?

Non é un xogo de facer cine nun escenario. O que fixemos en Eroski é xogar a meter cámaras con nós. En Curva hai un documental ao vivo, que é a experiencia máis extrema de cine en teatro que fixemos. Para Chévere foi un paso radical.

Non teme tocar o límite?

Non tivemos tempo de valoralo porque está recén estreado. Non nos paramos ver onde está a liña ou se cambiamos o xeito de traballar. É teatro documento levado ao audiovisual. Estamos cómodos. Abordamos o cotián e o social. sen inventar dramaturxias ficcionadas. É unha realidade histórica.

Imaxine comigo ese paso que poderían dar. Unha volta á parodia de xénero, como Río Bravo?

Hai tres anos volvemos para celebrar os 30 desa obra. Daquela bebiamos do audiovisual e dos xéneros: o western en Río Bravo, a ópera en Annus horribilis...

Río Bravo foi o seu grande éxito na Sala Nasa [espazo cultural de Santiago que mantiveron entre 1992 e 2011], foi determinante na evolución de Chévere.

Era un viveiro de creación. Houbo moito intercambio entre o que demos e recibimos. Alí empezou o teatro documental. Pero en Chévere é raro volver atrás. Na creación arriscamos cara ao outro lado.

Tocaba a batería, participa en festas culturais de Lira, fixo de garda civil en dous discos de Dios Ke Te Crew,... Agora vén de colaborar coa ilustradora Ana Moreiras no cómic Madia leva, sobre a desaparición do rural en Galicia. Vostede representou varios personaxes de Miraz, en Friol, para que ela debuxase. Fixo de nai, tía, veciña,...

A viñeta é estática. Ana precisaba de alguén que posase, pese á imaxinación; de alguén que fumase, que mirase contrariado, que collese un fouciño,... fixen de posturetas.

Se en Eroski Paraíso tivo que actuar como alguén que non soubese actuar, para Madia leva debeu interpretar sen usar os recursos en movemento.

Hai movemento ata chegar á pose. O posturetas fai un traballo interior. Moitos actores traballan para as redes ou para videoxogos. Ese traballo baséase niso. Neste caso foi un traballo artesanal no que debía entender o que autora quere contar, se é un momento alegre ou triste, onde tes que parar a acción. O máis importante na interpretación é a respiración, debes respirar ben.

Entendo, pero debe vostede quedarse quieto durante uns minutos para que a ilustradora poida debuxar. Quedarse quieto é o contrario de actuar.

É como cando vas posar a Belas Artes, aínda que a min nunca me tocou. É a miña primeira experiencia como posturetas. Quedei con gana de máis.

Vélle futuro ao posturetismo?

Non sei se haberá nicho de mercado. 

Más en Agenda
Comentarios