María Vázquez: "Encantábame que me castigasen no baño para facer monólogos"

A actriz con orixe en Carballedo será dez personaxes na versión teatral do libro ‘Fariña’, que se estrea este venres na Coruña (20.30 horas), xunto a Xosé Touriñán e Marcos Pereiro
María Vázquez. MARCOS PEREIRO
photo_camera María Vázquez. MARCOS PEREIRO

SEMPRE LEVA un chuvasqueiro e un rodelo de masaxe a man. María Vázquez (Vigo, 1979) nunca deixou de desconfiar do ceo, nin os anos que viviu en Madrid para poñer andar a súa carreira.

Durante a semana foi de Vigo e despois de Ourense, pero nas fins de semana era "de Carballedo, e faciamos vida en Chantada". Nunca deixa esquecido o chuvasqueiro porque teimou en ir e volver a Galicia. Hai seis anos estableceuse en Santiago. "Fun nai e a vida é máis fácil e porque sempre loitei por non perder o vínculo con Galicia".

O papel materno é un dos que fai. Cantos máis lle tocan en Fariña?
Todos facemos moitos porque contamos a historia do narcotráfico en Galicia. Eu fago dez. É moi divertido. Imos convertíndonos en diferentes personaxes usando soamente uns elementos, que cambiamos en escena. Preferimos que os espectadores saiban que somos nós actuando porque, do contrario, creas unha distancia.

É todo un reto que sexan cribles dez personaxes. Logra representalos sen equivocarse?
É cuestión de técnica e adestramento para montar un personaxe en 0,3 segundos. Hai personaxes dos que das a esencia e outros que teñen un percorrido maior.

Había necesidade de Fariña?
O narcotráfico en Galicia era un tema a tratar porque era medio tabú. Afecta a moita xente, hai fillos mortos. É un tema delicado da nosa historia. No seu tempo visibilizárase con nais, como Carmen Avendaño, que protestaban, pero iso desapareceu. Parecía que eran cousas era de delincuentes ou viciosos. Eu non vivín iso en Vigo, pero en Chantada houbo moita xente que morreu nos 80 e 90. Iamos alí nas fins de semana.

Ata os 18 anos, cando marcha a Madrid seguindo a súa irmá, a guionista Tatiana Rodríguez. Ela compartía piso co actor Pedro Alonso, un referente para vostede.
Quería estudar interpretación e en Galicia había poucos sitios. Non recordo cando empecei a querer ser actriz, pero si que facía ballet e que quitaba suficiente en técnica e sobresaínte en expresión corporal. Sempre me gustou o teatro. Cando me castigaban con estar encerrada no baño facía os meus monólogos. Encantábame que me mandasen ao baño porque me evadía do castigo inventándome interpretacións. Pedro Alonso estaba nun grupo de teatro xunto coa miña irmá. Estaba claro que a interpretación non era o de Tatiana, que prefería escribir. Gustábame velos actuar. Con Pedro ía ao cine e ao teatro, falabamos de interpretación...

Que consello lle deu Alonso?
Non é de dar consellos, prefire que descubras por ti. Dicíame que non parase de buscar e de aprender.

Participa na versión teatral de Fariña despois dos seus papeis na serie, en Quien a hierro mata e en Vivir sin permiso. Teñen en común o narcotráfico.
Dirá que me estou encasillando, claro, pero son papeles diferentes.

Non pensaba niso. Trote (2018) é unha película ben singular, que protagoniza vostede.
Foi un papel de moita dificultade porque son expresiva e esa personaxe requeríame selo para dentro. Foi a rodaxe na que fun máis antisocial tanto cando traballabamos como cando xantabamos. Necesitaba selo para non perderme. Levábao mal porque me gusta ser agradable coa xente. Escoitaba. Descobrín que, se me poñía cascos para escoitar música, todos entendían que non debían falarme. Ao principio preguntábanme que me pasaba, pero se deron de conta de que é o meu xeito de traballar.

Botou dúas semanas nunha furgoneta espiando para o papel de detective privado en Matahari.
Eran moitas horas. Dentro da furgoneta falabamos, comiamos e mexabamos nunha botella. Non podías saír nin para mexar. Vixiabamos persoas que traballaban estando de baixa porque precisaban os cartos. Botaban unha man no bar da nai porque o necesitaban. Paseino fatal. Era duro. O divertido eran as infidelidades, seguir a unha persoa que estaba nun restaurante en actitude cariñosa con outra. Unha vez tivemos un problema. Non son moi coñecía, pero apareceu unha rapaza que sabía o meu nome e que son actriz.

Botar toda unha rodaxe con cascos é ben adolescente. Lembraba daquela Al salir de clase, a primeira serie na que traballou?
Unicamente estiven catro episodios nesa serie. Pasaba moitos nervios. Unha vez participei nunha escena e, cando saín de plano, empecei a celebrar que me saíra ben con xestos e bailes; pero non estaba fóra de plano. O director botoume unha bronca. Aprendín rápido. Tamén estiven noutra serie adolescente, Compañeros; pero tiven que deixala porque me chamou Montxo Armendáriz para facer a película Silencio roto. Daquela eran doce semanas de rodaxe. Despois, a industria cambiou moito.

As rodaxes continúan sendo duras fisicamente. Vostede foi bailarina, pero ten mala circulación do sangue. Leva un rodelo para darse masaxes mentres traballa.
A mala circulación é unha cuestión xenética. O rodelo é unha marabilla. A actriz Nathalie Poza faloume del estando de xira. Regaloume un e dende aquela. Úsoo por todo o corpo porque me relaxa. Falta me fai porque estou moi nerviosa pola estrea da obra Fariña. Non por min, que xa levo un tempo nos escenarios e sei que algo funciona ou non dun xeito aleatorio. Canto máis aprendes e canto máis recursos es máis consciente do que che falta por aprender. A parte boa é que podes seguir aprendendo. Cando estaba en Al salir de clase non sabía todo o que me quedaba. Agora non temo quedar en branco porque teño recursos, pero non podo evitar pensar se vou estar á altura.

Más en Agenda
Comentarios