A Xunta investirá 1,8 millóns en mellorar tres estradas da Fonsagrada

A intervención máis ambiciosa será a reforma integral da LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz

José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ

A Xunta vén de anunciar que este 2019 executará un proxecto de mellora de estradas da rede galega na Fonsagrada. O alcance do investimento pasará dos 1,8 millóns de euros. 

José Manuel Balseiro presentou este venres o plan e explicou que se licitará e adxudicará nos vindeiros meses coa previsión de rematar neste mesmo ano.

O delegado subliñou que se trata “da actuación de maior orzamento que se executa no municipio durante este mandato por parte de calquera administración”. "Chega con sinalar que o investimento neste proxecto equivale ao 80% do presuposto municipal total”, engadiu Balseiro. Neste sentido, salientou que a Xunta “é a administración que máis inviste na Fonsagrada”.

A Xunta de Galicia vai acondicionar en total preto de 40 quilómetros de estrada en tres vías da rede autonómica do municipio fonsagradino. A intervención máis ambiciosa será a reforma integral da LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz; destínanse 1,3 millóns de euros á extensión dunha nova capa de rodadura con mezcla asfáltica en quente en toda a lonxitude da estrada (17,6 quilómetros).

Ademais, tamén se prevén actuacións na  LU-701 e LU-703, que conectan con Asturias. A primeira comeza na capitalidade da Fonsagrada e ten unha extensión de 12,2 quilómetros, mentres que a segunda mide 8,7 quilómetros e parte de Barbeitos

Comentarios