martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

A Xunta inicia no Cebreiro a restauración de catro pallozas

Un peregrino observa un traballador nunha palloza. GRIALIA CEBREIRO
Un peregrino observa un traballador nunha palloza. GRIALIA CEBREIRO

Os traballos de conservación consienten na renovación de cuberturas e mellora de servizos

A empresa adxudicataria de levar a cabo os labores de conservación e restauración das pallozas que conforman o conxunto etnográfico do Cebreiro xa empezou a traballar. Esta actuación, financiada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, conta cun orzamento de 161.628 euros e os traballos prolongaranse durante un período de catro meses.

O contrato prevé que se executen obras nas catro pallozas que conforman este conxunto patrimonial: Museo, Couzón, Campelo e Galán. Os labores de substitución da palla da cuberta dos inmobles xa se iniciou, o que estes días chamou moito a atención dos numerosos peregrinos que transitan pola zona.

Trátase dun delicado labor artesanal que se debe executar de forma moi coidadosa para garantir o bo illamento do tellado. A substitución desta cuberta vexetal realizarase de forma total en tres das construcións, mentres que na última delas executarase de forma só parcial, xa que está previsto conservar aquela palla que aínda estea en boas condicións.

Os traballos previstos na zona tamén contemplan a reparación das laxas dos accesos, así como melloras na instalación eléctrica e no sistema de iluminación.

A actuación completarase coa aplicación de tratamentos para evitar que as estruturas de madeira se vexan atacadas por insectos xilófagos.

A empresa encargada de realizar os traballos é Resconsa, que tivo que recorrer a especialistas na aplicación de técnicas tradicionais para levar a cabo a actuación.

As pallozas do Cebreiro forman un conxunto etnográfico que ocupa uns 300 metros cadrados cadrados e están localizadas no núcleo histórico por onde entra en Galicia o Camiño Francés a Santiago de Compostela. As construcións están situadas na contorna do santuario de Santa María do Cebreiro, do século X. Tres delas están musealizadas e a cuarta -Campelo- utilízase como almacén.

A Xunta inicia no Cebreiro a restauración de catro pallozas
Comentarios