Xoán Curiel: "Este é un disco pop-medieval no que está presente A Fonsagrada"

O artista abre unha nova etapa con ‘Treides comigo’, o seu novo álbum gravado xunto coa cantante Iris Gey. Un disco froito dun traballo de pesquisa e composición a partir de cantigas medievais da lírica galegoportuguesa cun toque moi persoal e moderno
Xoán Curiel. EP
photo_camera Xoán Curiel. EP

Poñer en valor o patrimonio e as nosas raíces lingüísticas desde a creación musical son os dous obxectivos cos que nace o novo disco do fonsagradino Xoán Curiel. Unha inmersión no mundo trobadoresco co Camiño de Santiago de fondo e cun videoclip gravado na viguesa Illa de San Simón que verá a luz nos próximos días. Está a piques de lanzar Treides comigo! o seu sétimo disco.

Nesta ocasión é unha inmersión no período trobadoresco. Como xurdiu a idea de dar vida a este tipo de cantigas?
O proxecto naceu hai cinco anos, que foi cando Iris Gey, a cantante coa que gravo este álbum, e eu arrancamos con outra iniciativa en común sobre as cantigas de Martín Códax chamada Ao encontro de Martín Códax. Aí comezamos a traballar sobre as cantigas trobadorescas e pouco a pouco fun compoñendo máis ata o pasado ano onde xurdiu a posibilidade de facer o disco ao abeiro dos Fondos de Recursos Culturais Xacobeo 2021, unhas axudas que saíron xusto despois do confinamento para o sector artístico.

Que se vai atopar o público?
No disco poñemos música a unha selección de nove cantigas medievais atribuídas a nove trobadores co propósito de ofrecer unha actualización das mesmas, aportando a nosa visión persoal, musical e creativa. Engadimos unha décima composición a partir dun poema de Gonzalo López Abente, poeta muxián membro das Irmandades da Fala, que versa sobre unha lenda da súa zona. Para min foi un traballo complexo e totalmente diferente do que levo feito ata o de agora. Alfonso Camarero, o coprodutor artístico, e eu, démoslle moitas voltas e foi como unha descuberta. Aprendín moitísimo sobre a música medieval co obxectivo de facer unha revisión da mesma cun tinte moderno.

Emprega instrumentos medievais cun carácer moderno. Como é isto posible?
Cando rematamos a gravación Alfonso dixo que este era un disco pop-medieval (risas), aínda que non usamos ningún instrumento eléctrico, son todos acústicos. Tocamos uns medievais coma o cromorno, dulcemas, cronos, a arpa, frautas, campás e percusións de pel; e tamén outros de diversas xeografías como a guitarra española, o duduk armenio ou o clarinete. Ao final a música adquire un carácer moderno e divulgativo.

Todo o traballo xira en torno ao Camiño de Santiago...
Efectivamente, os dez autores incluído López Abente están relacionados coas dez rutas de Santiago que existen en Galicia.

Conta coa distintiva voz de Iris Gey coa que xa fixo máis colaboracións.
Traballar con Iris é moi doado porque nos coñecemos desde hai cinco anos e facemos un bo equipo. Ela xa participou como cantante en dous discos meus: Canta miña pedra canta, o último que saquei, e en Nai, o primeiro. Nesta ocasión culmina o proxecto creando a música a partir dunha cantiga de Bernal de Bonaval, relacionado con Santiago que é o lugar de destino dos dez camiños e pecha así conceptualmente este disco.

Que máis colaboradores participan no álbum?
Este novo disco conta cuns músicos e colaboradores de gran solvencia e traxectoria como son Carlos Castro, Bleuenn Le Friec, Álex Salgueiro, Bea López, Carlos Freire, Rui David, Ariel Ninas ou Abraham Cupeiro. Hai moitas voces e inclúe ungran traballo coral onde variamos bastante o noso rexistro vogal. Iso tíñao claro, quería que as voces estiveran moi presentes, neste sentido pasámolo moi ben.

Desde sempre a súa música tivo un estilo propio. Cales foron as súas influencias?
No meu caso partiu da música brasileira, da tradicional galega, do pop-rock, da música clásica... Sempre escoitei música de todo tipo e moi diversa. Así, coa mente aberta, fun aprendendo co paso dos anos da xente coa que colaborei. De feito sempre defendo que un ten que ser un eterno aprendiz porque iso é o máis rico que hai, se non deixas entrar influencias externas difícilmente podes seguir medrando.
 

"De neno alucinaba cos sons" 
A Fonsagrada é a súa terra. Está tamén presente neste disco?
Eu levo sempre A Fonsagrada no corazón, aínda que este último ano polo confinamento non fun tanto como me gustaría. Téñoa moi presente e neste álbum tamén está nunha cantiga que escollín do trobador Joao Romeo de Lugo sobre o Camiño Primitivo, que pasa tamén pola Fonsagrada.
É un apaixoado da música. Vocación ou tradición familiar?
Naceume de xeito natural. Fun sempre autodidacta. Xa de neno lémbrome que ía cunha gravadora capturando sons para despois repetilos, encantábame experimentar. Tiña tamén unha guitarra na casa e non sabía tocala nin afinala e rompíalle tódalas cordas. Alucinaba cos son que saían. Foi algo que cada vez me gustou máis e virou nunha profesión.

Comentarios