Un xardín con ás de abella

A Asociación Corripa, que vicepreside o apicultor Alberto Uría, impulsor de El País del Abeyeiro, creou un xardín de polinizadores en Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz. Estará aberto a partir do domingo 24 de abril a quen queira coñecer mellor o vencello destes insectos co territorio.
albertouria
photo_camera Parte dos integrantes da asociación Corripa. EP

Hai poucos anos non había estrada que levase a Pena da Nogueira. O camiño abriuno literalmente Alberto Uría, que logo de estudar Dereito e Enxeñaría Forestal desandou os pasos que levaran á súa  familia a emigrar desa pequena aldea de Negueira de Muñiz para aproveitar un recurso tradicional da zona, a apicultura, pero tamén para divulgar o vencello desta actividade co territorio, a súa cultura no sentido máis amplo. Así naceu El País del Abeyeiro, un proxecto que xa conta cun Ecomuseo e que, a partir do domingo 24 de abril, contará co primeiro xardín de polinizadores de Galicia, unha iniciativa pioneira a nivel estatal promovida pola asociación Corripa, da que Uría é vicepresidente.

O xardín ten catro micropaisaxes que recrean nun pequeno espazo distintos ecosistemas propios desta zona da montaña luguesa. Un espazo ornamental, outro forestal, outro de prado natural e outro hortícola propician a existencia, coa súa flora específica, de distintas especies de insectos polinizadores, como abellas e  avespas, moscas florícolas, bolboretas ou escaravellos.

Pero, talvez, a maior singularidade deste xardín non sexa que nel as plantas se escollen en función dos insectos aos que dan acubillo, senón a posta en valor dos ecosistemas antrópicos, froito dun traballo de séculos no territorio. "É un xardín feito nunha aldea de Montaña, con hortas traballadas polos meus antepasados durante 300 anos, con muros de pedra seca que son refuxio de moitísimas especies e con muros de bancais centenarios", conta Uría. 

El País del Abeyeiro iniciou unha campaña en Verkami para publicar unha guía do lugar con ilustracións de Fernando Fueyo

"Moitas veces semella que na conservación da biodiversidade quedan fóra os propios habitantes, cando é precisamente ese manexo agrario tradicional o que sostén a biodiversidade", engade. Por outro lado, tamén indica que, cando se fala de biodiversidade, moitas veces esquecemos o mundo dos insectos, as 1.200 especies de abellas da Península ou a cantidade de flores que medra nos prados de sega, nos que, a maior  diversidade vexetal, máis insectos, paxaros, pequenos mamíferos ou réptiles. "Os insectos son os responsables da polinización, e polo tanto da conservación da meirande parte dos ecosistemas", recorda Uría.

A partir do domingo 24, despois dunhas xornadas de divulgación científica que se celebrarán o venres 22 e o sábado 23 de abril —financiadas pola área de medio rural da Deputación de Lugo— , calquera persoa poderá visitar este xardín. A asociación Corripa realizou un último voluntariado a semana pasada para poñelo a punto. A entidade naceu no 2018 na cociña da casa de Alberto Uría, e hoxe conta con 30 socios, tres desta zona castigada pola emigración e outros de distintas partes de Galicia, do Estado e do estranxeiro, e está aberta a novas incorporacións.

Nestes meses de preparación, a asociación limpou parcelas, esforzouse en nivelalas para crear camiños accesibles, reconstruíu muros, creou tres estanques para favorecer a presenza de anfibios e o acceso dos insectos á auga e plantou as distintas especies de flora para atraelos. Tamén colocaron unha escultura de ferro dedidada á bolboreta do érbedo (Charaxes jasius), como símbolo deste lugar que tamén busca favorecer o estudo destas especies.

Un dos recunchos do xardín. EP
Un dos recunchos do xardín. EP

O xardín levará o nome de Fernando Fueyo, o máis relevante dos artistas ilustradores de natureza no Estado, finado a comezos deste ano, en homenaxe. Fueyo, implicado tamén no proxecto de El País del Abeyeiro, realizara catorce debuxos para a guía que a asociación presentará tamén o domingo 24 na inauguración, logo dunha campaña de micromecenado aínda aberta en Verkami. A guía conta tamén coa colaboración de  Juan Luis Arsuaga Ferreras e Alfonso Esquivel —premios Príncipe de Asturias—, Bernabé Moya,  Félix Torres, Luis Óscar Aguado, Vanesa Paredes  —presidenta de Corripa— e o mesmo Uría.

Non había camiño cando Alberto Uría chegou ata Pena da Nogueira, pero moitos se abriron grazas ao seu empeño, a unha ambición que non deixou de facer pé no coidado do territorio e da cultura. Todo o contrario. Agora, cada ano saen de alí entre unha e media e tres toneladas de mel, que vende tamén a través da páxina de Outurelos, cun manexo responsable da convivencia entre ser humano, abella e oso; cun compromiso pola  recuperación dos cortíns, aos que dedica os beneficios dunha edición limitada; cunha vontade de educación ambiental, cun tesón asociativo... e agora cun paso máis coa asociación Corripa. Un paso máis, ou un paseo. Polo xardín.

Comentarios