Xabier Moure recibe o Foucín de Honra nunha Feira do 12 repleta

O presidente de Patrimonio dos Ancares recibiu de Rente ao Couce un galardón polo labor do colectivo a prol de Becerreá
undefined
photo_camera Os postos da feira rexistraron unha grande afluencia de asistentes. RENTE AO COUCE

O colectivo Patrimonio dos Ancares recibiu onte, a través das mans do seu presidente, Xabier Moure, o Foucín de Honra, unha distinción que lle outorga a asociación Rente ao Couce polo seu labor incansable a prol de Becerreá e da comarca da Montaña. Fíxoo no marco da Feira do 12, que na súa terceira edición rexistrou un cheo absoluto e cuxa recuperación se debe, en boa parte, ao empeño dos integrantes de Rente ao Couce e á documentación recollida pola agrupación ancaresa referente ás orixes das feiras de Becerreá.

"Perdeuse nos anos 60, a pesar de que era unha feira á que viña incluso xente de Andalucía", apuntaba Moure, quen se mostrou "inmensamente agradecido" tras seren recoñecidos el e "a xente que está detrás, sen a cal non se podería facer nada" por unha asociación "que traballa arreo".

Moure foi un de tantos que percorreu os máis de 20 postos de artesanía e produtos típicos -había pan, mel, queixos ou fariña do Piornedo- que se deron cita en Becerreá, igual que o fixo a música tradicional que amenizou a xornada. Ademais, entre os presentes repartíronse dípticos que falan do nacemento e da evolución das feiras da localidade.

O programa completouse coas intervencións da deputada provincial Mónica Freire, que falou do programa Da Escola á Granxa que impulsa a Deputación de Lugo, e do Sindicato Labrego Galego (SLG), cuxos membros presentaron o proxecto Froiteiras de Noso e abordaron a recuperación dalgunhas variedades autóctonas de árbores froiteiras.

Comentarios