"Voume presentar de novo ás eleccións á alcaldía de Becerreá, por orgullo persoal"

Manuel Martínez di que aínda lle queda moito por facer en Becerreá e loitará nas próximas eleccións municipais por manter o bastón de mando. Concorrerá coa formación que fundou, Galicia Sempre, e ofrece ese paraugas para os independentes que queiran aspirar a alcaldías doutros concellos. Gustaríalle ser deputado provincial, pero recoñece que iso é unha utopía
Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ

Botárono do PSOE e no seu día doeulle, pero hoxe agradéceo porque xa non se identifica coa liña dese partido. Fundou outro e séntese cómodo na política independente, sen máis control que o dos votantes cada catro anos.

Presentarase de novo ás eleccións municipais en Becerreá?
Si, por orgullo persoal.

Pasou do PSOE a Galicia Sempre e mantivo a maioría absoluta. As siglas non importan se o candidato é Manolo Martínez?
Estou moi agradecido polo apoio que me deron os veciños de Becerreá. As situacións de ruptura son difíciles e foi unha gran satisfacción e orgullo ver que me seguían apoiando.

Vai ser doado compoñer a próxima lista ou haberá que pedir favores?
A armazón da candidatura está feita, faltan cambios puntuais, pero serán poucos. Intentaremos introducir xente nova pensando no futuro, en dar continuidade ao proxecto político.

"Se miras cara atrás sempre cambiarías algo, pero eu estou satisfeito. Non me arrepinto de nada. Fixen o que crin conveniente"

Ese proxecto de Galicia Sempre, que aspira a ter candidaturas fóra de Becerreá.
Esa é a miña ambición, unha utopía, un reto persoal. As siglas están a disposición de calquera que queira facer política independente, sen dirección de ninguén. O proxecto está aberto a todos.

E hai posibilidade de concorrer ás eleccións noutros concellos?
Si, hai opcións. E se hai quen se queira presentar nalgún lugar, estamos dispostos a escoitalo.

Hai conversas de coalición? Por onde van os tiros?
Hai contactos con outras formacións independentes coas que poderiamos formar unha coalición, pero está todo moi verde e non creo que madure porque ninguén quere abandonar as súas siglas.

Sobre esas coalicións planea a sombra do deputado provincial. A pesar do desagradables que foron os seus últimos anos na Deputación, ¿aínda a bota de menos?
Agora abúrrome. Ademais, ser o deputado chave nun empate entre doce e doce tería que ser xenial. Falando en serio, a situación que vivín na Deputación non foi nada agradable. Tiña o peso do que fora o meu partido de referencia durante 40 anos, sentía unha afinidade co PSOE que agora non teño porque a súa política non vai acorde cos principios socialistas que eu defendo. Cada vez estou máis contento de que me botaran. Deberían telo feito antes. Se fora deputado con Galicia Sempre sería diferente. Teño a independencia que non tiven naquel momento para traballar polos veciños de Becerreá, sen ningún atranco.

"Supoño que terá o seu custo en votos, pero é unha decisión meditada, avisada e xustificada"

O goberno provincial non llo está poñendo fácil. Foi máis doado rematar o Escorial que a residencia de Becerreá.
Queren ir a por min por cuestións políticas e están actuando con ignorancia e desprezo cara o pobo de Becerreá. A residencia leva ano e medio parada, rodeada de herbas e silvas. Están deixando que se estrague o diñeiro investido. Non compraron os mobles, nin saben que cociña lle van poñer. O goberno da Deputación está prexudicando a toda a comarca, porque non é un servizo só para Becerreá.

Vostede tamén se buscou algún inimigo ao suprimir o GES. Iso non sentou ben na comarca.
Ás veces as decisións políticas son difíciles de tomar, sobre todo cando afectan a postos de traballo.

Vaille custar votos.
Supoño que terá o seu custo, pero é unha decisión moi meditada e necesaria. Avisei moito para evitala, pero non fixeron caso. A maioría dos veciños de Becerreá entenden por que se suprimiu o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Nos primeiros anos fixeron un traballo extraordinario, pero despois querían dirixir o servizo e traballar pouco. Houbo enfrontamentos entre eles e xerouse mal ambiente. Os veciños vían o que pasaba, a decisión é xustificada.

A realidade é que, coa desaparición do GES de Becerreá e antes xa o da Fonsagrada, a Montaña queda nas mans de deus.
O Concello de Becerreá cubre as competencias do GES con persoal municipal. A diferenza é que non actúa no resto da comarca. Os integrantes do GES non son bombeiros, non pon iso no seu contrato. Protestaban por ter que rozar, pero iso, precisamente, si que está contemplado entre os seus cometidos. En caso de incendio, o GES só acode para prestar asistencia á poboación se hai casas ameazadas, non apaga lumes.

Pois bombeiros tamén fan falta na Montaña.
Claro que si. É necesaria unha revisión da estrutura de parques da Xunta. Farían falta polo menos dous para cubrir todos os municipios da Montaña cun tempo de resposta aceptable.

Despois de tantos anos de alcalde, que lle queda pendente? Moitísimas cousas. A pandemia trastocou todo e paralizou moitos plans. Temos un proxecto de Santiago Catalán para facer un novo concello nun edificio doado por unha familia. Onde está o actual queremos facer unha praza que sirva de punto de reunión para os veciños. Para iso convocaremos un concurso de ideas. Tamén queremos dixitalizar servizos, como a lectura de contadores, rematar o aglomerado en quente da rede viaria, poñer alumeado led en todo o concello e dar cobertura de 5G en todas as parroquias.

Moito me parece para un único mandato. Vaise ter que presentar máis veces.
Son proxectos de futuro para que o concello avance en comodidades, para que os veciños de Becerreá se sintan a gusto.

"Vin pasar cadáveres políticos dos meus adversarios despois de cada problema no PSOE"

Tomou decisións moi duras nos últimos anos. Volvería facelo?
Se miras atrás sempre hai algo que cambiarías, pero estou satisfeito do que fixen. Respectei sempre as normas do PSOE e os seus estatutos, pero outros actuaron por intereses persoais. Son como son e algún tiña medo que polo carácter que teño escapara ao seu control.

Arrepíntese de algo?
Non. Fixen o que crin conveniente en cada momento.

E cre que tiña a razón?
Despois de cada problema e discusión no PSOE e na Deputación vin pasar cadáveres políticos dos meus adversarios.

Un dos seus inimigos declarados é Álvaro Santos e acaba de anunciar que deixa a política.
Sorprende esa decisión, ou tal vez non. No PSOE existe a cualidade perruna da fidelidade, pero lealdade pouca. É un proxecto personalista, tanto en Madrid como en Lugo, con peóns ao lado de quen manda que se eliminan cando deixan de ser útiles.

Comentarios