Volven os 'reiceiros' ao Cebreiro

A antiga comitiva que facía xirar os ceos da Montaña cos seus sombreiros solares e cos seus cantos cobra nova vida grazas ao pulo de Branca Villares para recuperar esta tradición
Asistentes ao obradoiro de Branca Villares para recrear a antiga comitiva dos 'reiceiros'. ALEX ESPIÑO
photo_camera Asistentes ao obradoiro de Branca Villares para recrear a antiga comitiva dos 'reiceiros'. ALEX ESPIÑO

Os reiceiros do Cebreiro. Só con dicir o seu nome, o mundo comeza a rodar. A memoria convoca as cintas de cores que penden dos sombreiros no frío destes días. Unha comitiva por aquí, outra por alí, todos co traxe de voda, e por riba, o mantón. É pisar os camiños, e os seus pasos volven facer xirar a danza dos ceos.

Branca Villares tiña 18 anos na foto de abaixo, canda algúns dos últimos veciños que tiñan ese trato cos ceos nestas datas: seren os catro reis de Oriente —que non tres—, e ir de casa en casa, de aldea en aldea, canda o mochilero e a súa ramiña de xardón, e o carantoñas co seu pelexo de coello... ou de lobo. Cantos, bailes, e chourizos asados.

Última comitiva dos 'reiceiros', a principios deste século. AEP
Última comitiva dos 'reiceiros', a principios deste século. AEP

Se naquela altura foi o crego Xesús Mato o impulsor da recuperación dunha tradición que xa esmorecía, este ano foi ela quen se animou a darlle brío. "Non sei se chamarte máis tarde, que talvez non teña cobertura por aquí", dicía este xoves. "Aquí" era en chegando a Bustofrío, para despois pasar por Viladocastro, por Santalla e A Casela, facendo xirar o ceo dos reiceiros nas terras de Lóuzara.

E todo por tirar do fío, ou das cintas. O pasado día 17, Villares impartiu un obradoiro na palloza museo do Cebreiro para recrear a comitiva dos reiceiros. Para iso, ademais da memoria dos anos nos que tamén ela a acompañou, tivo como informantes a Manuel Aira (Roque), Roberto Raposo, Manuel Blanco ou José María Núñez, que tamén colaboraron nela. Para facer a carantoña tiveron a axuda de Xosé Manuel Seixas.

Así que, de novo, os círculos se moveron na montaña, esta vez, fundamentalmente co pulo das mulleres que asistiron, que prepararon os sombreiros, que vestiron os mantóns que lles deixou o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo e que fixeron súa a cantiga dos reiceiros do Cebreiro para proclamarse raíñas republicanas ou pedir a paz para Palestina. E así, tras a entrada xa en feminino "Licencia pido señores/ señoras no mundo hai/ que queren cantar os reis/ pro corazón alegrar"- a cantiga remataba: "Estes son peor que Herodes/ sanguinarios en piedad/ cantas mortes de inocentes/ precisan para isto parar/ Pra estas partes del Oriente/ as raíñas piden Paz".

Ademais desta cantiga, no obradoiro tamén repasaron os aguinaldos da zona de Navia e de Cervantes, e estudaron outros cantos particulares da Montaña que Villares revisou recentemente co musicólogo Sergio de la Ossa. "Por exemplo, o romance dos Embaixadores, que se cantaba na cantina do señor Inocencio, en Baralla, una seguidilla chamberga, un xénero narrativo moi popular no século XVI, cunha estrutura melódica que nos conecta coa tradición musical do norte de Europa", conta Villares. "Tamén analizamos os Manueles do Incio, unha cantiga que nos conecta coa música medieval, coas cantigas de Santa María, pola estrutura melódica e as letras", engade. Despois, saíron pola aldea. E en cada bar foron prendendo, prendendo e aprendendo, a memoria do ceo.

Comentarios