Volvemos á Casa Belón?

O mítico establecemento de San Román reabre da man de Filomena López, unha veciña de Vilaxán que quere "loitar por Cervantes"
Filomena López. EP
photo_camera Filomena López. EP

San Román de Cervantes está de festa, e toda a veciñanza está convidada. A Casa Belón volve abrir as súas portas, logo de catro anos pechada. Coma sempre na comarca, o que se festexa non é só que abra un negocio, nin que volva a vida dun establecemento mítico, senón que con el torne un lugar no que comer nunha localidade que non dispoñía de restaurantes, un sitio para tomar algo, un espazo onde reunirse e un impulso que dará pulo ao territorio.

A inauguración será este sábado, de 19.00 a 21.00 horas, e a artífice desta nova etapa é Filomena López Gómez, de Vilaxán. Coma tantas veciñas da zona, Filomena emigrou a Barcelona con 16 anos no 1978. Logo de dous anos vivindo cos seus tíos iniciou, o que ela chama, "a miña ruta", que comezou compaxinando o traballo cos estudos de Hostalaría. Un total de 14 anos traballou no Expo Hotel da cidade, e logo inaugurou outros tres hoteis da cadea en Tenerife e un en Valencia. No hotel Juan Carlos de Barcelona foi gobernanta executiva outros 14 anos. Nos últimos tempos, montou a súa propia empresa de servizos de hostalaría. E, como non sabe "estar quieta", lanzouse a este proxecto.

No establecemento traballen tres ou catro persoas durante inverno, e cinco ou seis na tempada de verán

Pero, no fondo, non é só que non saiba estar quieta, é que o motivo ben o merece. "Tocaba", di. "Era o momento de facer algo aquí, de facer algo por Cervantes". Por outro lado, xa leva tempo facendo, vindo cada ano catro ou cinco veces para botar unha man na casa ou compartir as festas, ou participando hai catro anos na fundación da asociación Territorio Verde, que organiza a Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña -que se celebrará o vindeiro 14 de maio-. "Quero loitar por facer algo aquí", comenta.

COMPROMISO. A reapertura da Casa Belón volverá dar a San Román un restaurante e un hotel. A idea de Filomena López é, por unha banda, a de ofrecer aos visitantes a gastronomía da zona. "Eu quero apoiar a gandaría, axudar na medida das posibilidades, e servir a nosa carne, que é de máxima calidade, e produtos artesáns dos Ancares", comenta.

Por outro lado, tamén quere dar a oportunidade a quen se aloxe nunha das doce habitacións das que dispón de saber o que é muxir unha vaca, recoller as castañas do souto ou ter un achegamento á apicultura. "Ademais, por suposto, de coñecer este lugar", comenta.

Filomena López agarda que no establecemento traballen tres ou catro persoas durante inverno, e cinco ou seis na tempada de verán. "Espero que a xente volva animarse a viaxar", comenta. De momento, a veciñanza non fai máis ca aplaudir a iniciativa. A Casa Belón volverá ter vida, cunha proposta que tamén dará vida ao territorio da man dunha das súas veciñas. Vida que se desexa ben longa.

Comentarios