"Para unha vítima de abuso sexual é mellor chegar a un acordo que pasar por un xuízo"

O maxistrado ourensán Vázquez Taín, con 26 anos de traxectoria, ve avances na concienciación sobre a violencia intrafamiliar, que cada vez se denuncia máis
Vázquez Taín. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Vázquez Taín. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O xuíz José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968) leva abordado algúns dos sumarios máis mediáticos que pasaron polos tribunais galegos, desde a persecución ao narcotráfico ata o roubo do Códice Calixtino. Pero tamén, en case tres décadas de traxectoria, polas súas mans teñen pasado moitos casos de agresións e abusos sexuais a menores e agora segue de preto o caso que conmocionou a Baleira e a toda a provincia.

En Baleira, e en boa parte do país, faise difícil comprender que tres acusados de abusar sexualmente dunha nena durante seis anos reciban unha condena que supón a metade do tempo que duraron os feitos.
Para entendelo hai que matizar que están acusados de abusos, non de agresión, así que a posibilidade de rebaixar a condena era máis doada. Logo, do que se trata nestes delitos é de protexer a vítima, que non sufra máis do que xa sufriu e tratar de chegar a un acordo, porque para elas un acordo é mellor que pasar por un xuízo que se pode alongar no tempo.

Polo tanto non hai revitimización —cando a persoa ten que revivir a situación traumática e volve asumir o seu papel de vítima—.
Efectivamente. A súa defensa estaba tamén persoada na causa e é normal que a rapaza, unha vez que refixo a súa vida, non queira volver pasar polo xulgado só para que os acusados leven seis meses ou uns anos máis de cárcere. Nestes casos, moitas das vítimas optan por cobrar o que lles corresponde e seguir coa súa nova vida, protexidas.

Que outros factores influíron para que a pena sexa de só tres anos?
Ademais do que comentei antes, Vázquez Taín. hai que ter en conta que o ministerio fiscal sempre pide o máximo aínda que saiba que o normal en casos de abusos sexuais continuados é que as penas sexan de seis ou sete anos, xa que non son feitos considerados tan graves como unha violación. E por que tres anos? Porque os acusados xa indemnizaron á vítima con 50.000 euros, porque recoñeceron os feitos e porque desde 2016 estivo o caso parado, do cal a culpa é da propia Xustiza.

En todo momento se falou de abusos e non de agresión. En que se diferencian estes dous delitos? Só é violación cando hai emprego da forza, da violencia ou da submisión química, mentres que os abusos poden ser sen penetración ou con penetración. Neste caso, aínda que foi a irmá quen convenceu á nena, esta non se opuxo. É certo que estamos falando de que é unha relación viciada porque se trataba dunha menor de idade da que se aproveitaron porque era fácil de convencer, pero se nos axustamos aos feitos probados na sentenza, non foi forzada.

A que se puido deber que o caso estivese parado durante máis de seis anos no xulgado da Fonsagrada?
Cando falamos da reestruturación da Xustiza atopamos xulgados que nun principio non parecen moi saturados de traballo, pero nos que tampouco acostuma a haber continuidade dos maxistrados. Moitas veces son primeiros destinos, con xuíces novos que en canto poden buscan un novo xulgado. Ademais, a falta de persoal fai que se complique asumir casos tan delicados como os de abusos a menores. A vítima incluso podería pedirlle responsabilidade ao Estado por este retraso.

Estase avanzando na detección de abusos a menores?
Si, moito. Nos 26 anos que levo podo dicir que a situación de agora non ten nada que ver coa de antes. Hai anos falábase de que o 30% dos abusos se cometían na contorna familia, pero actualmente xa non se toleran, hai máis conciencia, máis socialización e máis educación nas administracións para que salten as alarmas antes.

No caso de condenados que deben entrar na cadea por abusos a menores e que teñen fillos, isto pode afectar á súa custodia?
Se a sentenza non di nada, non se aplica. Pero vélase sempre polo coidado dos menores.

Comentarios