O viño das Terras do Navia colle pulo con novos proxectos ao abeiro da IXP

Unha adega comezou este ano a súa andaina baixo o nome de Bodega da Señora e varios veciños están recuperando as vellas cepas nos distintos municipios da cunca do río naviego
Héctor Álvarez (agachado, á dereita), xunto co seu pai e o seu irmán. EP
photo_camera Héctor Álvarez (agachado, á dereita), xunto co seu pai e o seu irmán. EP

A cunca do Navia cada vez ten máis caldos. O recoñecemento da IXP Terras do Navia, que entrou en vigor en febreiro, está dando os seus froitos: branca lexítima, albarín tinto, merenzao ou mencía toman o relevo das vellas cepas que antano engalanaban o outono en Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, concellos amparados por este selo.

Manuel Cancio, presidente da IXP e pioneiro na recuperación destes caldos en Negueira de Muñiz, destacou que, o que comezou con dificultade, cando a Denominación de Orixe Ribeira Sacra rexeitou no 2014 a inclusión dos viños producidos na cunca do Navia, acabou por ser un acerto, tras o logro dun selo propio. "A fin de contas, temos un viño singular por unha climatoloxía e un terreo diferenciados. Realmente somos un viño distinto", indica.

A ese "viño distinto" acaba de sumarse este ano a Bodega da Señora, en Navia de Suarna. "Nós sempre fomos moito do pobo, sempre fixemos por vivir aquí", comenta Héctor Álvarez Díaz. Fala en plural porque foi co seu irmán que no ano 2012 comezou a recuperar cepas vellas no lugar de Coea, na parroquia de Castañedo.

Manuel Cancio: "Nunha botella ofrecemos moito máis ca viño. Tamén paisaxe, biodiversidade, o esforzo de vivir aquí"

"Foi un lugar que sempre tivo viño, até os anos 80 ou incluso 90", comenta Álvarez. Nese momento, a emigración fixo que moitos veciños abandonasen os cultivos. Por outro lado, a plantación forestal que se intensificou naqueles anos tamén os acantoou.

Así, o moito que fixeron os irmáns Álvarez "para vivir aquí" pasou por recuperar unha viña dunha plantación de eucalipto, ou rescatar vellas cepas de plantacións de piñeiros para facer enxertos con elas. Nese sentido, aínda que o viño sexa distinto, non deixa de rir Álvarez ao recoñecer que a viticultura na cunca do Navia tamén é heroica.

A primeira colleita de Bodega da Señora foi do ano 2022, e sairá agora ao mercado, con 400 botellas de branco lexítimo baixo o nome de Solarega, e outras 800 de verdello tinto ou merenzao co nome de Louseira. Os nomes tamén veñen de preto, das fincas ao pé da casa. "Polas escrituras da nosa casa sabemos que, dende o ano 1600, hai rexistro de ter producido viño nestes lugares", comenta. "E isto pode extrapolarse a outras casas", engade.

Bodega da Señora leva o nome da Casa da Señora, que é como se chama a casa familiar destes irmáns. As adegas que funcionaban até agora, a Adega Panchín —que botou a andar no 2001— e a Adega Sidrón —que comercializa dende o 2014—, as dúas de Negueira de Muñiz, tamén levan o nome da casa, unha coincidencia elocuente do carácter caseiro desta produción á que a IXP vén abrir novos horizontes.

José Manuel López Méndez. EP
José Manuel López Méndez. EP

O máis seguro é que o viño de José Manuel López Méndez leve tamén o nome da casa, Casa Vizcaín, cando dea de alta a adega. Tamén de Negueira de Muñiz, este veciño está plantando cepas nesta mesma parroquia, cepas de branco lexítimo, que considera a variedade por excelencia da zona, a que colle mellor potencia o aroma.

"Sempre vin facer viño na casa, meu pai xa trataba das viñas", indica López, que agarda colleitar xa para o ano que vén, e talvez en dous ou tres anos poder dar de alta outra adega máis ao abeiro das Terras do Navia. "O recoñecemento da IXP animoume a recuperar este cultivo", comenta.

Son cada vez máis as terras que se queren tinguir co outono da vide nos concellos das Terras do Navia. En todos eles van aparecendo cada vez máis iniciativas de recuperación dos cultivos que nun tempo se traducirán en novas adegas. "Antes do recoñecemento, como viño de mesa quedabamos en último lugar para recibir axudas públicas, pero agora, aínda que supón máis burocracia, temos novas opcións", indica Cancio. "Ademais, temos o produto vendido antes de producilo", engade.

"O que queremos é traer a xente a esta zona, que se coñeza esta terra. Nunha botella ofrecemos moito máis ca viño. Nela tamén está a paisaxe, a biodiversidade, o esforzo que facemos para vivir aquí", comenta Cancio.

Comentarios