"Unha vida sinxela, pero plena" en Vilela

Oliver Laxe foi homenaxeado en Navia de Suarna nun acto que o recoñeceu como Fillo Adoptivo do municipio. O cineasta agradeceu "dende o máis profundo do corazón" este nomeamento arroupado por veciños e familiares
Oliver Laxe, nombrado Fillo Adoptivo de Navia de Suarna. SABELA FREIRE
photo_camera Oliver Laxe, nombrado Fillo Adoptivo de Navia de Suarna. SABELA FREIRE

Quen lle ía dicir a Oliver Laxe que o lugar onde realizou o cásting do filme O que arde sería o mesmo onde, varios anos despois, sería homenaxeado ao ser nomeado Fillo Adoptivo de Navia de Suarna? Así foi, xa que a sala de xuntas do consistorio acolleu esta emotiva cita onde o cineasta, asentado en Vilela -en Casa Quindós- foi loado polos veciños e veciñas do seu fogar.

Con nostalxia e ledicia, o director recordou os miles de momentos vividos nos seus queridos Ancares: as primeiras veces ao carón dos seus avós, cada verán que pasaba no lugar tras vir de Francia, as feiras, os traballos no campo, xogar á brisca nos verdes prados rodeado de vacas, as máquinas recreativas ou comer bocadillos de chourizo. "Unha vida sinxela, pero plena", confesou.

No evento, o cineasta recibiu das mans do alcalde unha serie de agasallos, entre eles o documento que o acredita como Fillo Adoptivo, así como unha reprodución da emblemática ponte de Navia e dous pins, un deles destinado á súa muller, simbolizando esta icónica construción.

O director, nado en París pero profundamente vinculado á aldea de Vilela, no corazón dos Ancares, é unha verdadeira rara avis. Laxe mantense afastado do ritmo trepidante da vida moderna, xa que escolleu seguir o seu corazón e establecerse na terra onde as súas raíces medran con forza.

"A min sempre me preguntan se Oliver vive aquí porque non o cren", destacou o alcalde, José Fernández. "Que é naviego nunca o dubidamos, pero queriamos facelo de xeito oficial", comentou o rexedor sobre un dos seus veciños máis ilustres, que xa fora nomeado en 2020, pero diversas circunstancias demoraron a realización do acto público ata este xoves.

Fernández fixo fincapé na importancia que persoas como Oliver Laxe teñen no enfrontamento á despoboación das zonas rurais. "Estamos moi orgullosos do teu traballo por Navia e toda a comarca. Grazas por defender o noso pasado e coidar o presente. Tocounos a lotaría contigo", concluíu.

Un dos momentos máis destacados da cita foi a intervención de Lucía Rodríguez, do Argueiro dos Ancares, que fixo a lectura dun precioso texto. "Onde antes morren as cousas, antes renacen. Oliver é o exemplo máis claro de que a nosa terra non morre, simplemente renace coa ilusión da xente que vive nela", indicou.

Esta moza do municipio quixo agradecer todas as iniciativas que realizou o director, como a asociación Ser, o primeiro cineclube da Montaña, a rehabilitación da ermida de Vilela, a limpeza do río Ser ou a creación da rede aldear. "Grazas por darnos tanto, por ser como eres e por contaxiarnos ese brillo tan especial que transmites", dixo Lucía entre os aplausos do público presente.

"Estas palabras son de agradecemento ao Concello, mais tamén, para asumir responsabilidades que fago con honra. Dende o máis profundo do meu corazón, grazas", asinou Laxe no libro de honra, para a posteridade.

"Sempre imaxino que pensarían os meus avós", cavilou Oliver nun momento. Todos os presentes pensaron, sen dúbida, que Manuela e Gumersindo estarían moi orgullosos do camiño tomado polo seu neto, como ben lle dixo en voz alta unha das veciñas presentes na cerimonia.

Comentarios