viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Velaquí están os mobles por dentro

Armario inspirado en '13 rectángulos', de Kandinsky. EP
Armario inspirado en '13 rectángulos', de Kandinsky. EP

Inazio Abrao lembra o día no que viu con outros ollos os ensambles, bisagras e travesas dos mobles que fai como carpinteiro en Becerreá. E deulles tamaño grande, como esculturas que fixesen xustiza á dimensión do seu asombro

Os ollos de Inazio Abrao abríronse un día coma se fosen lupas. E que viron? Viron doutra maneira o que o seu oficio de carpinteiro lle fai ver a diario: a xuntura da pata dun escritorio cunha travesa, a ensamblaxe dun mainel, unha bisagra. Foi coma se unhas lentes aumentaran a beleza dos ensambles das distintas pezas, que o seduciron "na súa xeometría", di.

Tan belos os viu con esas lupas, que comezou a darlles unha entidade independente dos mobles, "sen saber moi ben por que", admite. Pero todo cobrou sentido cando non só os sacou do seu contexto, senón tamén da súa escala, e lles outorgou, no espazo, o tamaño co que os vira o seu asombro. O primeiro foi a pata dunha mesa, que replicou coa altura da porta do seu taller, 3,5 metros, pero logo viñeron moitos outros.

Eu, se son algo, é carpinteiro

'Detalles construtivos' foi o nome que deu a unha das exposicións que programou dende ese momento no que descubriu que todo tiña "unha raíz", no que se decatou do "tronco común" do que medraban o seu oficio e a súa arte, de como eles tamén estaban esamblados. "Eu, se son algo, é carpinteiro", afirma. E se cadra por iso fala do tronco que une as cousas, ou da raíz das súas esculturas, coma se as súas palabras tamén estiveran entrelazadas coas árbores. O seu pai, Manuel, de Vilar de Cancelada, "tivo algunha culpa" en todo isto. Cando morreu, hai vinte anos, el herdou o seu taller, en Becerreá, e comezou a traballar coas especies da zona.

Gústanlle todas, "cada unha para o que é", comenta. Estes días está ultimando un armario de nogueira. A súa visión desta árbore cambiou despois de ler 'Los dieciséis árboles del Somme', coas descricións que Lars Mytting fai dunha das partidas desta madeira máis prezadas na Europa da Segunda Guerra Mundial. "A cerna da nogueira é das máis escuras que hai", comenta, mentres repasa coas mans eses nós e vetas que asemellan tinta, e que tamén el sitúa no moble coma se fosen parte dun cadro. Dese ubicar os propios debuxos que o tempo fai na madeira pasou a concibir a superficie dos mobles coma un lenzo. De feito, nun deles (na fotografía) recreou os '13 rectángulos' de Kandisky. Outras veces el mesmo quixo pintar as formas rectangulares que debuxan os caixóns e compartimentos dun armario.

Abrao prepara unha mostra para o vindeiro setembro no aeroporto de Lavacolla

"Os tiradores sempre me dan moitos quebradeiros de cabeza, porque é o momento no que se pode botar a perder todo o traballo", comenta, preso desa perfección que busca. Unhas pequenas pezas de ébano resolveron a cuestión nesta ocasión. O armario de nogueira será un dos mobles que expoñerá na próxima mostra que ten programada, no aeroporto de Lavacolla, no vindeiro mes de setembro.

MICROMECENADO. Hoxe en día, para sacar adiante proxectos artísticos, tamén fai falla ensamblar moitas pezas. Inazio Abrao está financiando a súa última escultura, de tres metros de alto, con 250 reproducións en miniatura, a modo de micromecenado. O detalle construtivo, neste caso, é dun escritorio; a madeira, duns cedros de Vilar de Frades, pero o destino da escultura aínda está por determinar.

O cedro tamén é a árbore que preside o seu estudio, impresa nunha fotografía. Gústalle traballala, porque é "coma manteiga", en contraposición coa madeira de piñeiro de Oregón, "dura coma o aceiro". Fóra do taller, un castiñeiro e un mazairo tamén lle dan sombra cando precisa facer pezas grandes, como a casiña de ciprés para unha escola infantil que esta semana levou a Compostela. Os ollos de Inazio Abrao abríronse un día coma se fosen lupas, ou do mesmo xeito circular no que a cerna desprega os seus aneis, pois se cadra o máis apropiado é dicir que Abrao viu, aquel día, os mobles por dentro.

Velaquí están os mobles por dentro
Comentarios