Veciños de Navia esixen unha solución para frear a degradación do castelo

Denuncian que os desprendementos poñen tamén en risco a súa integridade física
photo_camera Fachada do castelo da Proba de Navia.

O clamor é común nos veciños de Navia de Suarna. O castelo da Proba, ese que debera ser envexa doutros por estar situado no medio da vila, acompañado por unha ponte medieval baixo a que discorre o Navia, é hoxe un perigo para os veciños. Para eles xa non é só alarmante o seu deterioro como ben patrimonial e icona da vila, senón que os derrubamentos de pedra e ladrillo que ten sufrido nos últimos tempos fan que para moitos camiñar ao pé del sexa percibido como un risco.

A asociación Irmandade Naviega vén de manifestar "a súa preocupación e indignación pola pasividade que mostran as distintas administracións que, dalgunha maneira posúen, ou poden posuír, competencias na materia", segundo indicaron mediante un comunicado.

Un ano despois da fundación desta entidade co obxectivo de dinamizar a zona e defender esta construción declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, o deterioro do castelo avanza sen que ninguén lle poña remedio. "Dende o mes de maio tivemos tres desprendementos. Dá medo pensar o que poida pasar no inverno", comenta José Fernández Vuelta, veciño da vila.

A lei de patrimonio cultural de Galicia establece nos propietarios a responsabilidade de coidar un BIC, así como a obrigatoriedade de tomar medidas para evitar calquera risco na poboación derivado do seu deterioro. Tamén establece multas en caso de incumprimento, pero que neste caso nunca chegaron a pesar do mal estado que presenta o castelo.

Para eles tampouco resulta doado asumir os custos que supón a súa conservación. Dende a asociación Irmandade Naviega esixen á Xunta que tome cartas no asunto "se é certo aquilo de que o rural importa", indican no comunicado, ao tempo que piden responsabilidades ás institucións e aos propietarios para poñer fin a esta situación.

HERDANZA PROBLEMÁTICA. O problema do desacordo entre herdeiros, que afecta a moitas das casas do rural, tamén semella pesar sobre este ben patrimonial. Recordan os veciños que a fortaleza estivo a piques de venderse durante a alcaldía de Vicente Flores, pero unha herdeira bloqueou a operación. Hoxe algúns dos herdeiros quixo renunciar á herdanza, talvez motivado polo perigo que esta supón actualmente para os veciños.

Atopar comprador tampouco é doado. O Concello afirma non poder asumir a compra. "Sabemos que o castelo non pode seguir así por máis tempo, temos que buscar unha solución. Comprar é inviable para un concello coma o noso, pero si que estariamos dispostos asumir a súa conservación se nolo cedesen", afirma o alcalde de Navia, José Fernández Fernández.

O rexedor naviego tivo unha reunión hai un ano con responsables de Patrimonio da Xunta para reclamar medidas que axudasen a frear o deterioro do castelo, xa acelerado daquela. Dende entón non houbo ningún outro movemento entre institucións, e actualmente o arquitecto municipal está elaborando un informe do estado da fachada para adxuntar no requirimento que dirixirán aos propietarios.

O presidente da asociación Irmandade Naviega, Toño Núñez, insiste en que as administracións deben actuar no asunto, e pon como exemplo o caso do castelo de Pambre, adquirido e rehabilitado pola Xunta de Galicia e que hoxe supón un motor para a comarca. «Instamos á Xunta ou á Deputación a facerse cargo deste ben», comenta.

UN SÍMBOLO. José Fernández Vuelta, da Casa de José de Ramiro, fala con nostalxia das historias que os seus pais e avós contaban do castelo, da escaleira en caracol que baixaba directamente ao río, do mérito de quen o construíu "encima dun penedo", da pena de que as dúas construcións máis emblemáticas da vila -o castelo e a Casa Benedicto- corran o risco de borrarse da memoria. Non o entende, e tamén fai un chamamento á Xunta para que actúe, para que os repartos de competencias entre institucións non se parezan ás discusións entre herdeiros.

Comentarios