Os veciños da Montaña opinan sobre a súa percepción do oso pardo na zona

O proxecto Life Oso Courel chama á participación nunha enquisa dispoñible nas redes este mes
Un oso pardo, na zona dos Ancares. FUNDACIÓN OSO PARDO
photo_camera Un oso pardo, na zona dos Ancares. FUNDACIÓN OSO PARDO
Cantos osos pensa que hai no seu concello? Canta preocupación lle produce o pensamento de atoparse cun oso? Algunha vez sufriu danos por ataques de oso nas súas colmeas? Como de compatible considera a presenza do oso co mundo rural? Estas son algunhas das preguntas do cuestionario co que o proxecto Life Oso Courel -coordinado pola Fundación Oso Pardo xunto coa Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Xunta- quere coñecer a percepción social sobre este mamífero logo de tres anos de traballo dende que botou a andar a iniciativa nos concellos de Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Samos, Triacastela e Quiroga.

A encargada de realizar esta enquisa é Beatriz Rodríguez-Morales, enxeñeira de Montes cunha tese na que abordou a percepción social do Monte Xalo, na comarca da Coruña. Neste caso, o traballo baixo as restricións sanitarias está a limitar as saídas ao campo, que se queren ver compensadas coa enquisa á que calquera veciño ou veciña da zona poderá acceder escribindo "https://bit.ly/3sv4yjq" no buscador da web durante o mes de marzo.

O oso pardo, que chegou ao seu mínimo poboacional nos anos 90 con 50 individuos entre Cangas de Narcea e Somiedo e Picos de Europa, volveu asomar ás alvarizas ou cortíns do Courel e Ancares, volveu camiñar por ucedos e devesas galegas en busca das mellores bagas, e despois de tanto tempo ausente no territorio, volveu tamén abrindo cuestións ao seu paso relacionadas coa coexistencia, que o proxecto Life Oso Courel quixo axudar a responder.

Por iso, a enquisa, que pode responder calquera persoa, fai fincapé en sectores como a gandaría, a caza, o turismo e, sobre todo, na actividade apícola, que centra a meirande parte das preguntas. Dos preto de 50 apicultores destes concellos entrevistados por Beatriz Rodríguez-Morales -nunha listaxe que suma 100 e mantense aberta-, a metade sufriu ataques do oso. Descubrir o impacto das medidas para evitar ou compensar estes ataques é, por tanto, fundamental.

Beatriz Rodríguez-Morales destaca a boa disposición dos apicultores para contar as súas experiencias, no que será o estudo máis amplo que se teña feito sobre a cuestión nesta zona.

APICULTURA. Á espera de coñecer os resultados, Fernando Ballesteros, coordinador do proxecto dende a Fundación Oso Pardo, valora a visión positiva da especie por parte do sector apícola, a pesar de verse afectado pola súa presenza.

Entre as medidas para previr os ataques destacou o reparto gratuíto de pastores eléctricos, con 130 na zona. Neste eido, o proxecto ultima un vídeo tutorial sobre a colocación dos pastores, que substituirá o encontro con apicultores doutras zonas oseiras, cancelado por motivos sanitarios. "É normal que haxa tantos ataques nun territorio que non estaba protexido para o oso, pero se o pastor se coloca ben, o normal é que o oso, despois de percibir o perigo, non volva á colmea", indica. Tamén está a piques de abrir a Ruta do Oso, en Seceda. coa colaboración dos veciños, da Asociación Galega de Apicultura e do Concello de Folgoso do Courel.

O coordinador de Life Oso Courel adianta que a Fundación Oso Pardo seguirá presente na zona cando remate o proxecto en abril, e destaca que a Xunta lanzou unha liña de subvencións para sufragar o custo dos pastores eléctricos. Quen máis vencellada quedará ao lugar será a Asociación Galega de Custodia do Territorio. O diálogo seguirá sendo esencial para que o oso sexa un bo veciño.

Comentarios