Veciños de Cadoalla unen forzas para rehabilitar un retablo do século XVIII

As catro imaxes relixiosas presentan danos e estaban afectadas pola humidade e a couza
O retablo de Cadoalla coas catro imaxes atópase nun pésimo estado. EP
photo_camera O retablo de Cadoalla coas catro imaxes atópase nun pésimo estado. EP

Varios veciños da parroquia de Becerreá de Cadoalla quixeron xuntar forzas para darlle unha mellor imaxe ao seu santuario e unha das primeiras actuacións pasa por rehabilitar o retablo barroco coas representacións de San Xosé, Santa Catalina, San Esteban e San Roque. Datado no século XVIII, segundo estiman, actualmente atópase nun pésimo estado de conservación, con danos visibles —a algunha das imaxes fáltanlles as mans— e cun profundo deterioramento a causa da humidade e a couza.

Restauración no santuario de Cadoalla. EP

Conta o párroco José Río que este é o único retablo da igrexa, despois de que o principal ardese durante a Guerra Civil. De aí a importancia que ten para os veciños: "Foron tres os que impulsaron a súa rehabilitación, pero está colaborando toda a parroquia e moita xente de Becerreá", detalla.

E é que o santuario de Cadoalla goza dunha profunda devoción que se manifesta con máis fervor o 14 e 15 de setembro, na romaría do Ecce Homo, á que continúan acudindo numerosos fieis camiñando. E para curiosa, conta Río, a celebración deses dous días: "O 14 é o día do santo e o 15, o do santín, porque do Ecce Homo hai dúas tallas, unha máis grande e outra máis pequena".

Cunha imaxe ou coa outra, o certo é que a importancia histórica do santuario é indiscutible e, de feito, en 2027 celebrará os 300 anos como lugar de culto —segundo recollen algúns escritos, en 1727 o párroco Xosé Valcárcel Quiroga mercou a imaxe do Ecce Homo para ser venerada—. Malia todo, José Río recorda que nas paredes da igrexa lévanse atopado pedras de orixe románica: "Saber a idade concreta dun templo é moi difícil, porque ao longo dos séculos sufriron moitas rehabilitacións".

A intención é que o retablo estea a punto para setembro e, para iso, a restauradora encargada de afrontar os traballos xa retirou a estrutura e as imaxes do seu lugar. Así, xa está previsto que o día 13 de setembro se celebre un acto oficial no que a profesional explicará o proceso, farase un agradecemento a todos os doantes e Maria do Ceo ofrecerá un concerto.

A maiores, instalarase unha cápsula do tempo á que só se poderá acceder en futuras intervencións arquitectónicas. Nela conservaranse os nomes dos que fixeron achegas, o xornal do día e cartas enviadas por persoeiros de relevancia.

O custo da intervención ascende a 13.400 euros, contía que non se reuniu totalmente polo momento, polo que, explica Río, se alguén desexa contribuír só ten que poñerse en contacto cos veciños de Cadoalla ou con el mesmo. Á campaña de recadación, iso si, non lle faltou orixinalidade a pesar de causar certa confusión. A través de carteis de Se busca, plasmábase a foto de cada un dos santos e rehabilitar. Algún pensou que faltaban os santos, mais o que se buscaba eran fondos.

Comentarios