lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

Un veciño de Cervantes recupera o cortín da súa aldea para producir mel

Hugo Santín, no cortín nas colmeas. EP
Hugo Santín, no cortín nas colmeas. EP
O proxecto, que contou cunha subvención europea, destinará os beneficios á propia zona

Cando Hugo Santín era neno, o cortín –o nome que nos Ancares reciben as alvarizas– da súa casa familiar na aldea de Trabado (Cervantes) xa non se utilizaba. Ese espazo no que os seus antepasados gardaban as colmeas das gadoupas do oso xa pertencía case ás árbores. Tamén esta arquitectura circular da serra notou o despoboamento e a perda das prácticas tradicionais, aínda que na casa seus pais continuaron producindo mel.

Santín viviu en Trabado, a poucos quilómetros da Campa da Braña, até os seis anos, cando marchou co seu irmán e os seus pais a a vivir a Becerreá para continuar os estudos. "Non houbo fin de semana que non volvésemos á aldea", comenta. Despois, cursou en Lugo enxeñería civil, rama na que se graduou en 2015. Máis tarde, fixo un mestrado de loxística na Coruña. Comezou a traballar para varias empresas. Tampouco nestes anos deixou de ir á aldea.

No ano 2018, todo o seu saber e a súa querenza pola súa terra conxugáronse. Máis que conxugarse, souberon espremer esa sabedoría circular presente nas celas dos panais, nos cortíns ou no xesto de volver sempre ao mesmo sitio. Decidiu recuperar a produción de mel, e facelo do xeito máis tradicional, rehabilitando tamén o cortín.

Para iso, pediu unha subvención europea a través do GDR Montes e Vales Orientais, que lle foi concedida. Eses muros circulares volveron protexer o tesouro para o cal foran concibidos: un total de 17 colmeas. Fóra, a produción suma até 75. O primeiro ano vendérona entre persoas coñecidas. Hoxe xa dispoñen de marca propia, Mel Melosa, e páxina web que lles permite chegar directamente aos consumidores. Ademais, tamén están nalgunha tenda galega.

Ese mel de montaña escuro, "case negro" –di Hugo– ten aromas de uces, carqueixas, carballos e castiñeiros, a vexetación máis común na zona. O proceso de recolección é "totalmente artesán, e sen producir ningún dano nas abellas", comenta Santín. "Non agardamos vivir desto, pero os cartos que cheguen investirémolos en recuperar algunha construción da aldea", di. Outra lección máis de sabedoría circular.

O oso: aposta pola coexistencia
A imaxe de Mel Melosa é a dun oso pardo. Unha mensaxe clara sobre a aposta por facer do aparente inimigo das colmeas tamén a súa potencia. "Sabemos que hai xente que valora comprar un mel dun territorio no que este animal, por sorte, volve estar presente", indica Hugo Santín. Para el e a súa familia, a prevención ante o ataque do oso pasa por servirse dun pastor eléctrico, "que dá moito traballo, pois cada quince días temos que desbrozar a zona", comenta. Sen embargo, "aquí sempre escoitamos historias de osos e de lobos, e estamos orgullosos de que volvan estar presentes, aínda sabendo que nos poden causar algún destrozo", explica.

PROPÓLEO. Ademais do mel, Mel Melosa pronto comezará a comercializar propóleo, a substancia que as abellas producen para selar a colmea, e que foi tradicionalmente ultilizada polas súas propiedades antisépticas.

Un veciño de Cervantes recupera o cortín da súa aldea para producir...
Comentarios