Veciñas de Piornedo lanzan en Goteo un proxecto para reparar as pallozas

A asociación que loita pola recuperación dos teitos de centeo sobrepasou xa o mínimo establecido, de 3.000 euros. Quédanlles 36 días para chegar ao óptimo, de 10.900
Una palloza de Piornedo. AEP
photo_camera Una palloza de Piornedo. AEP

A Asociación Teitos de Piornedo vén de lanzar unha campaña de micromecenado a través da plataforma Goteo para  recadar os fondos que precisan para teitar as 17 pallozas que aínda quedan nesta aldea na que, nos anos 90, todas as casas bicaban con centeo o ceo máis alto da provincia. Tamén as de Lucía, Carmiña, Isolina, Lola, Amelia e  Ernesto, as cinco mulleres e un home que agora claman para que ese bico tan característico non se perda.

Sen embargo, a poucas horas de lanzar este proxecto, déronse conta de que, en realidade, eran moitas máis ca seis persoas. Xa conseguiron sobrepasar o mínimo requerido, 3.000 euros, e aínda lles quedan 36 días para chegar ao importe óptimo de 10.900 euros.

Tamén contaron co apoio de moitas persoas, que participarán nas recompensas, como Óliver Laxe ou Abraham Cupeiro. Esta resposta compensa, en certa maneira, o que consideran unha desatención da Xunta, que dende o ano 2010 eliminou as axudas anuais para a rehabilitación dos teitos. "Nós pelexamos por un mantemento anual, algo que á administración non lle supón moito, pero que a nós afóganos", comenta Lucía González, presidenta da asociación. "O patrimonio cada vez está peor. O dano aínda é reversible, por iso seguimos loitando, pero se cadra en pouco tempo
non o sexa", engade.

O teito, neste caso, comeza polo chan. Cos cartos acadados pecharán con alambrada unha finca sementada de centeo para protexela dos ataques do xabaril, que o ano pasado botaron a perder parte do primeiro ciclo de centeo que se logra en Piornedo despois de moitos anos sen botar ‘pan’ no monte.

Contar co propio centeo non só supón un aforro e unha mellora con respecto ao que mercan en Astorga, senón que recuperar o cultivo tamén implica dar nova vida aos traballos agrarios vencellados e á forza comunal na que se sustentan. Por iso, unha das recompensas pola aportación económica é a de formar parte deles, tanto na mallega —en setembro— coma no ‘entroiro’ —así lle chaman na zona—, o vindeiro 24 de febreiro.

Espíritu comunal: recompensas con valor colectivo
Participar no Entroiro ou na mallega ou desfrutar dunha andaina guiada polo monte de Piornedo son algunhas das recompensas deste micromecenado.

COLOQUIO CON ÓLIVER LAXE. Un dos beneficios pola aportación de 30 euros é a proxección do filme ‘O que arde’ con posterior coloquio co  director nunha data por concretar de agosto.

CONCERTOS. Ser mecenas tamén dá acceso á entrada de concertos na palloza de Perdigón. O de Abraham Cupeiro será o 21 de marzo, e o de Tres Pesos, o 13 de xuño.

OBRADOIROS. Aportando 40 euros, dispoñerase dunha praza no curso de pandeira ancaresa o día 21 de agosto e, aportando 60, no obradoiro co teitador Juan de Burbia.

 

Comentarios