Valedor da memoria fonsagradina

José Álvarez Teijeiro faleceu no ano 2006, deixando por escrito os recordos da súa vila natal ► Un libro, impulsado por Alfredo Llano e José Manuel Saavedra, recompila agora esas historias
Parte do público asistente á presentación do libro, no consistorio. TANIS
photo_camera Parte do público asistente á presentación do libro, no consistorio. TANIS

De José Álvarez Teijeiro destacan os que o coñeceron a súa prodixiosa memoria e o seu interese por ler todo o que caía na súa man. Ata dicionarios, onde atopaba as palabras que lle faltaban para alimentar así o seu xa de por si nutrido vocabulario. José era tamén Pepe de Antolín, o ebanista, o emigrante e o sempre namorado da súa vila natal, A Fonsagrada, á que lle adicou as últimas liñas antes do seu falecemento, en 2006. Un ano antes deixaba por escrito todos os recordos que atesouraba da súa terra e ducias de anécdotas, historias de personaxes ilustres da zona, lendas e orixes da vila e da fonte sagrada que lle dá nome.

O empeño de José Manuel Saavedra Selelo e de Alfredo Llano converteu aquelas reflexións nun libro que agora se pode conseguir, de xeito gratuíto, no consistorio, no museo ou na biblioteca. E é que Cousas de unha vila é unha porta aberta ás lembranzas que José non quería que a xente esquecese.

Instantánea de José Álvarez. EP
José Álvarez. EP

A fábrica de manteiga e de queixo tipo holandés, que se producían na Casa de Pedrosa primeiro e na Rúa Fonte despois, entre os anos 30 e finais dos 50; a empresa Electra Buronesa, fundada por un membro da familia Magadán retornado de Arxentina e que converteu A Fonsagrada nunha vila adiantada ao seu tempo; o cine, coa súa orixe no Café Galicia e que proxectou desde El expreso de Shanghai ata Marcelino, pan y vino; e A Tenda de Pelado, o ultramarinos que rexentaron os do Farruquín e en cuxo mostrador non faltaba nin a balanza de pesas nin os caixóns con garavanzos, azucre e arroz. Son só algúns dos elementos que compoñen a idiosincrasia fonsagradina e o libro de Álvarez Teijeiro, como tamén o son o loro de Valledor, co que os nenos conversaban de camiño á escola; Elías, de quen poucos coñecen os apelidos pero do que todos sabían da súa paixón polos músicos; Leonor do Frontal, sempre a carón da fonte lavando dentes e mans e acicalando os zapatos; ou Jesús Turía, sempre presente no Entroido, vestido de gaucho e a cabalo.

José Álvarez poida que levase ao papel todo o que rodeaba A Fonsagrada para regresar a ela cando o quixese, pese a que a vida o levase lonxe da súa terra. Primeiro a Lugo, onde estudou bacharelato ata que a prematura morte do seu pai, Antolín, cando José só tiña 20 anos, o obrigou a facerse cargo da carpintaría familiar. Os estudos retomounos despois, para adentrarse na Historia do Arte, e en 1963 emigra a Alemaña, país do que regresa para asentar en Logroño coa súa familia.

Iso non impediu que rompese lazos, nin el nin os seus. A súa filla Aurora confesa que as súas lembranzas felices están entre A Fonsagrada, a onde volven a miúdo -tamén pola presentación do libro, o pasado día 14-, e San Martín de Suarna, na casa da súa nai. A ela, a muller coa que José compartiu a súa vida, lle adicou as poesías que deixaban de manifesto o seu don para moldear palabras e que tamén destinou ás súas netas maiores no seu nacemento.

Cousas de unha vila súmase ás reflexións que José deixou en Las nietas y el sueño e Leitugas, sendo a súa última obra a máis intimista. Ao fin, son as cousas que, dicía el, "no solo con atención he escuchado, sino que también con mimo y cariño las he mantenido vivas en mi recuerdo".

Comentarios