sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Un ancarés contra o virus: "Esta enfermidade é moi falsa, fastidiada"

Pasillo do Hula, onde permanece ingresado Suso. VICTORIA RODRÍGUEZ
Pasillo do Hula, onde permanece ingresado Suso. VICTORIA RODRÍGUEZ
O afiador Suso ‘Posín’ volveu infectado de Madrid e illouse en Cervantes. Hoxe pelexa no hospital co coronavirus pero antes fíxoo contra o lume ou o abandono do medio rural. Leva repouso no Hula e confía en superar o trombo pulmonar

Postrado nunha cama do Hula, Jesús González, Posín, volve dar a cara noutra das batallas que lle tocou librar. Aos 65 anos, espera vencer ao coronavirus, que lle ten atacados os pulmóns, para regresar canto antes aos Ancares, a Noudelo (Cervantes), onde chegou o 13 de marzo procedente de Madrid. Alí traballa de afiador dende hai seis anos. Ou traballaba, porque con 65 anos e isto enriba non pensa volver á capital.

Agora estanlle tratando un trombo pulmonar e dá grazas a estar en Lugo onde o sábado o baixaron para facer un TAC ante o seu empeoramento. “É unha enfermidade moi falsa —di—, e en cada persoa pódese presentar de forma diferente, pero foi importante facelo porque nos aclarou cousas a min e a un médico moi preocupado que teño”. Cre que en Madrid, tal como están os hospitais, teríao moito máis difícil . Antes de que se decretara a alerta sanitaria el xa sabía que alí as cousas non ían ben.

Non puido volver á capital, quedou con todas as facturas sen cobrar aos clientes —vendera as vacas farto de pelexar co deterioro da gandeiría na montaña e marchara para facer de afiador por toda a cidade—, e permaneceu en Noudelo ata que comezou a sentirse mal. O sábado notou mal a garganta, dor de cabeza e algo de febre. “Traemos o virus dalí”, pensou, e chamou para que lle practicaran a proba. Fixéronlla o domingo e o luns tiña o positivo, así que quedou en corentena na casa sen contacto coa muller, que agora tamén está no hospital pendente das análises.

“Vimos ao pobo case todas as fins de semana pero ese a punto estivemos de non viaxar. Na miña parroquia todo o mundo sabe que estou ingresado e teño o coronavirus. Eu mesmo chamei ás dúas únicas persoas coas que tiven contacto en Becerreá cando vin para aquí, e que lles dixen que se mantiveran lonxe de min, podía telo eu ou eles. Tamén telefoneei aos meus clientes para avisalos”. E lanza un vivo consello: “Coidade os vellos, e coidádevos porque policías e médicos caen arreo. E como teñas outra patoloxía... Un primo en Barcelona que tamén está fatal, aínda lle deron cama agora despois de tres días sentado nunha silla”.

"Se me colle en Madrid ao mellor estaría morto porque as analíticas e TAC que me fixeron no Hula tardarían moito e non aguantaría"

Suso pasou do malestar e dor de cabeza a sentirse mellor, pero aos poucos días notou máis febre e cansanzo. Superouno e volveu atoparse ben, con ganas de saír da casa —podía facelo, explica, non hai ninguén máis no pobo—, ata que a tose e unha dor no costado fixeron necesaria a ambulancia, probas e o seu ingreso no Hula. Tras varias chamadas aos sanitarios, a súa dona tamén foi atendida. Confía no alonxamento que tiveron ao principio. Falo con ela e cos fillos, o sábado estiven fatal e hoxe (por este domingo) un pouco mellor pero cando me vén a tose non dou arrancado ata que saco unha bola coma unha noz. Está encamado e con osíxeno.

Acorda moito a súa mascota Jano, un can que “só lle falta chorar cando marchamos e desborda alegría cando volvemos”, e pensa que houbo moitos erros políticos por non frear antes a pandemia. “Pechárono tarde e mal, é unha ruína, non digo que nos salváramos pero puido vir máis suave, a Madrid chegan miles de avións cada semana de China, Italia e outras partes do mundo”, opina.

“Os comerciantes chinos pecharon xa o día 10 pola conta deles. Tiñan información, vían o demo e non lles importou perder o que fose. Puxeron ‘pechado por vacacións’ mentras os demais veña a tirar para adiante, a ver, contaminándonos uns aos outros. O Goberno mirou ao outro lado”, di.

Na pranta do hospital comparte o asombro pola facilidade de contaxio. “Hai quen non ten o virus na súa parroquia pero foi saír un día por cartos ou comprar froita e xa o pillaron”, comenta. “Isto sofrirémolo todos, pouco quedará do rural. Non somos capaces de termar do que nos deixaron nosos avós”, engade. Antes limpaba as estradas coa cuña nas grandes nevadas e cando os incendios do 2017 que tamén arrasaron boa parte dos Ancares, Suso volveu precipitadamente para combater o lume. Foron días sen descanso para salvar o que puideron. As lapas chegaran a cinco pobos, arderon casas e bosques en Freixedo ou Doiras. Agora ve que os castiñeiros novos morren doutras enfermidades: “Pégalles o chancro nas follas e tamén secan pola raíz”.

“Tocáronme moitas batallas, pelexei por manter o pastoreo e a vida coas vacas, logo viñeron as vacas tolas, os incendios, reemprendín a vida en Madrid, porque os políticos cómennos vivos...”, e xa non ten novos plans. “Primeiro hai que saír daquí”, asegura.

Pensa no seu bloque de veciños, na ponte de Manuel Becerra. “Hai familias afectadas, en Madrid compartes ascensor”, sinala. Fala con eles e non perde o ánimo.

Un ancarés contra o virus: "Esta enfermidade é moi falsa, fastidiada"
Comentarios