Un turismo que se reinventa en A Montaña

Os aloxamentos de madeira son unha oportunidade turísitica cada vez máis demandada no rural. O cámping da Fonsagrada foi pioneiro ao apostar por eles hai case vinte anos; en outono, o mesón Catro Ventos ampliará a oferta con oito construccións máis
                      Algúns dos bungalós do cámping (esquerda) e o proxecto en construción en Barbeitos.
photo_camera Algúns dos bungalós do cámping e o proxecto en construción en Barbeitos. SABELA FREIRE

QUEN desexe vivir unha estancia acolledora e tranquila, chea de sabor e paisaxes espectaculares, sabe que na Fonsagrada ten unha visita obrigada.

A raíña da Montaña está chea de lugares sorprendentes nos que desfrutar da natureza e de todas as súas vertentes. Pero isto non sería posible sen a existencia de negocios que aproveitan os recursos que lles proporciona a contorna para ofrecer servizos e produtos de primeira calidade.

A pouco máis dun quilómetro da capital comarcal, atópase o cámping A Fonsagrada, unha explotación familiar que leva sendo dende o ano 2002 unha referencia para aqueles que se achegan á vila.

O seu propietario é Xosé Fernández, nado no lugar de Vilagocende en 1955. Actualmente, neste complexo hai unhas sesenta parcelas de acampada con acceso para coches, autocaravanas e caravanas, un bar-restaurante, un ximnasio de dúas plantas con vestiarios, unha horta ecolóxica, unha plantación de árbores frutais e unha piscina de uso gratuito subvencionada polo Concello.

Algúns dos bungalós do cámping (esquerda) e o proxecto en construción en Barbeitos. SABELA FREIRE
Algúns dos bungalós do cámping (esquerda) e o proxecto en construción en Barbeitos. SABELA FREIRE

Pero o máis destacable é a súa oferta de bungalós que construíron en dúas etapas, a primeira delas hai case vinte anos. No 2004, tras un intento frustrado un ano antes, abriron os catro primeiros. "A acollida foi moi boa. Un auténtico boom", recorda Xosé. Un tempo despois, en 2015, decidiron que era o momento de ampliar o número ata chegar aos 12 actuais.

Estas pequenas vivendas dispoñen de cociña propia, salón, baño independente, unha ou dúas habitacións, calefacción e televisión, entre outros servizos. Concretamente, teñen catro bungalós de cinco prazas; dous de catro e seis de dúas. "Intentamos ser todo o autosuficientes que podemos", sinala o dono do cámping. "Tal e como están as cousas, temos claro que o futuro en materia enerxética é depender o menos posible dos demais".

En canto aos visitantes, en torno a un 60% son estranxeiros procedentes, sobre todo, do Reino Unido e de Países Baixos. Xosé recoñece que os campistas tradicionais son "xente moi agradable".

Fernández asegura que este ano non está sendo tan bo como anterior. Aínda así, agardan ter boas cifras durante o mes de agosto, no cal xa teñen varios días completos. "Manter unhas instalacións así dá moito traballo, pero cando isto está ata arriba as horas de dedicación vense recompensadas", asegura.

UN NOVO PROXECTO. Cara ao outro lado da comarca, en Barbeitos –a uns sete quilómetros en dirección a Asturias– sitúase o mesón Catro Ventos, rexentado por Ovidio Méndez e Ana López. Este restaurante é coñecido pola súa especialidade en carne galega, como a vaca vianesa -que traballan nunha explotación ecolóxica propia- e tamén a raza autóctona. Seguindo o exemplo doutros establecementos, agora tratan de expandir a súa actividade hostaleira cara ao turismo rural coa axuda dunha subvención pública. -

En febreiro comezaron a construír oito bungalós nunha parcela moi preto do restaurante. Amplas cristaleiras, calefacción, aire acondicionado e terrazas con jacuzzi son algunhas das posibilidades destes aloxamentos que prevén inaugurar en outubro."O que buscamos é diferenciarnos das típicas casas de pedra e cociña de lareira", explican os donos.

Aínda que non sabe o motivo, Ovidio asegura que o mes de xuño foi "dos peores que se recordan", algo que tamén comparten outros hostaleiros. Sobre os visitantes que chegan ao Catro Ventos, sinala que "vén xente de todo tipo, con máis ou menos poder adquisitivo".

En canto ao Camiño Primitivo, amósase cauto: "Claro que nos aproveitamos do seu auxe, veñen moitos peregrinos, mais penso que case ningún comercio da zona se sostén exclusivamente por iso". Recalca que a súa idea é estar aberto a todo tipo de públicos.

"As novas son desalentadoras, pero nós seguiremos adiante. Abrimos no 2008, xusto cando comezou a anterior crise, e aquí seguimos", conclúe esperanzado.

Comentarios