jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Terra de xamois e camíns

Antón Santamarina. PEPE FERRÍN
Antón Santamarina. PEPE FERRÍN

O galego da Fonsagrada é especial e único, unha singularidade que o catedrático e veciño Antón Santamarina estudou durante anos

QUE A FONSAGRADA é unha comarca única non é nada novo. Pola súa ampla oferta gastronómica, a súa riqueza patrimonial ou a fermosa orografía, onde as maxestuosas montañas coroan todo o territorio. Pero se hai algo que fai especial a esta zona é a súa fala. Nesta terra o cocido faise con lacois, os visitantes poden perderse por infinidade de camíns e os veciños gardan a colleita de patacas en caxas, non caixas.

Os trazos do galego nesta terra son especialmente diferenciais, algo que motivou que un dos seus veciños se interesase por eles. O catedrático e lingüista Antón Santamarina estudou durante varios anos a singularidade da fala da súa terra e os resultados publicounos na súa tese de carreira aló polo ano 1974. "Dinme conta de que na miña zona o galego tiña algo especial", explica este experto, que centrou o seu traballo en desgranar a morfoloxía e léxico do territorio que abarca o Val do Suarna.

O estudoso precisa que foi algo complexo, porque a fala é libre, e non se lle poden poñer fronteiras: "No esencial, o galego da Fonsagrada é similar ao do Caurel, Ribadeo ou Becerreá. Pero se descendemos ao detalle atopamos trazos singulares". Os máis característicos son as terminacións en -ois ou -ín. De feito, se por algo se recoñece a un veciño da Fonsagrada e pola peculiar pronunciación pantalois ou xamois, e tamén polo trazo final camín ou vecín.

Os fonsagradinos manteñen ademais os fonemas kw e gw, o mesmo que no castelán ou portugués, pronunciando cuatro e guardar, en vez de catro e gardar coma na maior parte de Galicia. Tamén se mantén o grupo -ax- sen xerarse o i intermedio das falas máis occidentais (caxa, por caixa; ou baxar por baixar), e un dos trazos da parte oriental que actualmente só a xente máis lonxeva conserva é o -l- intervocálico, de xeito que din molín, e non muíño, ou avolo, por avó.

Santamarina percorreu boa parte das parroquias da súa terra falando coa xente e percatouse de que incluso aldeas próximas teñen un galego "de seu". "En San Martín, de onde son eu, chámaselle ao sacho "gaviocho", mentras en Carracedo, onde veu miña nai, dinlle "picaña"". Coa ampla riqueza léxica da comarca poderiase deseñar un dicionario propio. Así, polos prados da comarca revolotean as paxarelas (bolboretas), pía a cochosa (merlo) e precipítase a auga da seimeira (fervenza).

O galego brilla con luz propia na Fonsagrada e bebe do veciño asturiano, tal e como acontece coa palatalización do l- inicial que atopamos en palabras como llobo ou lleite. Sistemas lingüísticos que hoxe en día non sobreviviron na fala ao ser varridos polas formas galegas (lobo ou leite), e só se conservan en nomes de lugares como é o caso de Llencias, en San Martín. Exemplo que demostra que "a toponimia sempre será testemuño da ampla riqueza da fala e gardará as reliquias do que foi a nosa lingua noutras épocas", precisa Antón Santamarina.

Terra de xamois e camíns
Comentarios