Teitos de Piornedo deu un curso aos seus mecenas sobre a arquitectura do centeo

Dez persoas coñeceron este oficio da man de Juan de Burbia
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Participantes no curso de teitado. EP

A asociación Teitos de Piornedo compensou este sábado a colaboración de varios mecenas que participaron no micromecenado que puxo en marcha a comezos de ano para recuperar os teitos das pallozas. Recompensas xa houbo varias -unha sesión de cine con Oliver Laxe ou a participación no 'Entroiro' ou na 'mallega'- pero esta foi directa ao grao, ou máis ben á palla, neste caso máis importante.

As dez persoas participantes coñeceron este oficio da man de Juan de Burbia, un dos meirandes teitadores dos Ancares, que leva o nome da aldea que cae xusto do outro lado do Mustallar. Del aprenderon a escolmar o centeo para facer colmos, espiga con espiga e couce con couce, e a atalos cun 'brincallo' para, despois, colocalos sobre o cango -a estrutura de madeira que os soporta- cunha paleta. A de Juan de Burbia é de freixo, e presume de ter golpeado máis de 40.000 para ben arrexuntalos e facer deles unha superficie impermeable.

Os participantes xa domaron un centeo que axudaron a cultivar, pois a campaña en Goteo tivo por fin a de pechar unha finca para protexela dos ataques do xabaril, que estragaron gran parte da colleita do ano anterior, a primeira despois de moitos anos nos que se deixara de botar pan ao monte. Os peches axudaron a conseguir máis cantidade de cereal e, con iso, abarataron os custos do teitado, conta Lucía González -a presidenta da asociación-, pero aínda así é insuficiente para a dimensión dos teitos por arranxar.

Recuperar os teitos de centeo é a loita fundamental da asociación, que cada ano ve como estas construcións milenarias resisten a auga, pero non 'a desatención das administracións', indica Lucía, que lamenta que as 17 pallozas de Piornedo -o conxunto máis amplo de Europa- 'están cada día peor, e xa non sabemos que facer', engade. 'Ata o ano 2010 a Xunta convocou axudas anuais para o teitado, pero suprimiunas, e nós non podemos facer fronte ao gasto que supón', lamenta.

Onte, o grupo teitou catro metros cadrados da palloza de Perdigón, que ten unha superficie total de 500, baixo dos cales faise vida dende hai centos de anos até agora, xa que serve de lugar de reunión á asociación. 'O orzamento do teitado enteiro só desta palloza é de 90.000 euros', explica Lucía. 'Imos seguir pelexando, porque as vemos caer sen poder tampouco colocar unha lona, que por suposto é algo que non queremos facer, pero é que se nos están a caer, e é moi triste', denuncia Lucía. Esa tristeza só ten consolo no apoio solidario dos colaboradores e no centeo que medra, a pesar de todo.

Comentarios