lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Tamén as árbores crecen in vitro

A aula do centro educativo, convertida nun laboratorio. EP
A aula do centro educativo, convertida nun laboratorio. EP

Unha das aulas do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro converteuse nun laboratorio onde o alumnado aprendeu, da man dunha investigadora do CSIC, a plantar as súas especies favoritas en tubos de ensaio

"Imaxinemos que nos gusta moito un castiñeiro, polas súas características especiais. Co cultivo in vitro podemos clonalo, e dun brote, sacar aproximadamente catro. Deses catro, outros catro. Con esa taxa de multiplicación, en pouco tempo poderíamos ter moitos castiñeiros iguais". Esa foi unha das explicacións de Nieves Vidal González, investigadora do CSIC, que este martes abraiou ao alumnado do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro co proxecto Un bosque no peto.

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, unha das aulas do centro transformouse nun laboratorio onde o alumnado aprendeu a cultivar árbores autóctonas in vitro, tal e como fai Nieves Vidal no Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia.

A elección da árbore é o primeiro dos pasos. Despois, a preparación do medio de cultivo artificial -con auga, sales mineirais, ágar-ágar e sucre- en tubos de ensaio. "Todo ten que estar esterilizado, pois é precisamente a ausencia de patóxenos e o emprego de hormonas o que fai moito máis efectiva a clonación in vitro que a clonación por enxerto", comentou Vidal. Unha vez multiplicados, os brotes plántanse na terra, cun proceso de aclimatación que lles permite de novo vivir no medio natural.

O obradoiro estivo adaptado ás distintas idades. Así, mentres os máis pequenos distinguiron as especies, o alumnado de primaria e de Eso preparou os tarros para o cultivo e aprendeu a manexar o bisturí para seleccionar as partes dos exemplares a cultivar. A xornada enmarcouse dentro do programa O monte vivo, no que o centro educativo participa dentro do Plan Proxecta de Innovación.

Tamén as árbores crecen in vitro
Comentarios