O talento filmado de Sergio da Veiga

A asociación Petapouco e a Destempo e un grupo de estudantes de comunicación audiovisual en Pontevedra veñen de rematar un documental sobre a figura deste virtuoso gaiteiro fonsagradino homenaxeado na última Foliada
Sergio da Veiga. AEP
photo_camera Sergio da Veiga. MANUEL LUCAS

Sergio da Veiga de Logares levou o nome da súa parroquia a todos os lugares onde foi tocar, que non foron poucos, como gran virtuoso da gaita. Máis que polo apelido, os músicos, nesa Galicia que os botaba aos camiños a pé para tocar nas aldeas, distinguíanse por levar a terra consigo, terra que sonaba distinta aquí e acolá.

“Na Fonsagrada, as pezas caracterízanse por requintar moito e seren bastante rápidas”, comenta Manuel Fernández López, integrante da asociación Petapouco e a Destempo. A entidade organizadora da Foliada da Fonsagrada quixo dar un paso máis na homenaxe que cada ano renden a unha figura da zona. Así xurdiu a idea de facer un documental sobre o gaiteiro. A Veiga de Logares está a pouquiños quilómetros de Robledo, a aldea da que é oriúndo Manuel Fernández. Para percorrelos acompañouse de Manuel Lucas, que dirixe o documental co apoio da facultade de audiovisuais da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra.

A pesares de estar tan cerca, Manuel Fernández non coñeceu ao Sergio en vida. Eses cinco quilómetros son hoxe metáfora do percorrido necesario para salvar a memoria do esquecemento e cumprir co recoñecemento. Durante unha fin de semana na Fonsagrada o equipo de gravación entrevistou a varios veciños, e tamén aos músicos que o acompañaron, Tino da Granda, co acordeón, e Luís d´Aquel Cabo, coa percusión.

Os cinco quilómetros son tamén a medida da infinda riqueza musical da zona, á que se refire Mercedes Peón na entrevista que lle fixeron na súa casa para o documental como unha “creación colectiva de microhábitats”, nun momento no que a música mudaba tanto como a lingua en pouco espazo. No documental vese como o presentou no "Luar" a comezos dos noventa como un gaiteiro virtuoso que improvisaba en cada interpretación ao xeito dun músico de jazz. O fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, tamén o destaca como “un dos mellores gaiteiros que vin na miña vida”.

“Non sabemos quen lle aprendeu a tocar, foi autodidacta”, comenta Manuel Fernández. “Hoxe en día, un músico coma el tería chegado moi moi lonxe”, engade. Daquela, o horizonte da posguerra tiña carreiros polo monte, coas cabras e ovellas que pastoreaba mentres tocaba. Tamén camiños de festa en festa. O seu compañeiro co trombón conta como lles caeu unha nevada que lle acumulou tres centímetros de neve no instrumento, pero que despois viñeron cinco días de festa.

“El viviu sempre de tocar, e das ovellas”, conta Fernández, que tamén indica que non se lle coñeceu muller, aínda é raro que un músico non tivese os seus amores. Iso é outra historia. O que está claro é que Sergio da Veiga amaba a música.

A contrarreloxo, o equipo do documental traballou arreo para poder amosar unha primeira versión do documental na V Foliada da Fonsagrada, a comezos de decembro do ano pasado. Nela fixeron dous pases para que os veciños puidesen ver o resultado e sobre todo para devolverlles, dalgún xeito, o que é deles. Agora, a súa intención é mandar o filme a festivais, seguindo ese xesto de homenaxe para un dos artistas máis grandes da Montaña.

Comentarios