A taberna que non pode pechar

O estanco máis antigo do Estado, que é tamén bar e tenda, só estivo dous días cerrado tras a morte do seu último responsable, pois nin familia nin veciños conciben Penarrubia sen este sitio
Pepe Álvarez, o fillo de Inocencio, unha das persoas que agora leva o negocio. EP
photo_camera Pepe Álvarez, o fillo de Inocencio, unha das persoas que agora leva o negocio. EP

"Inocencio nunca falou do futuro porque pensou que ía estar sempre", di Nuria Fernández do seu avó, o taberneiro da Taberna do Val. Hai xusto un ano este medio publicaba unha reportaxe deste lugar na parroquia barallesa de Penarrubia, que o Catastro da Ensenada confirma coma un dos estancos máis antigos do Estado, e aínda hoxe o único lugar onde comprar tabaco entre O Cádavo e Baralla. Unha anécdota, case, nunha longa historia que, con todo, non chegaba á altura do taberneiro, aquel home que aos 90 anos dicía non querer oír falar de retirarse, que nunca se metera en discusión, que nunca contara o que non se podía contar, e a quen ninguén logrou convencer para ir ver o mar. Prefería Inocencio as ondas da bidueira, talvez por ter sido el mesmo árbore para os outros.

Moitas voltas poderían darse antes de dicir o que cómpre celebrar, que a Taberna do Val segue aberta. Pepe Álvarez, un dos tres fillos de Inocencio, confírmao detrás da barra. Porén, o mérito de que ese lugar tan importante para a zona estivese só dous días pechado, de que siga aberto para os cantos de reis, para o café de pota ou para o Sansón é de toda a familia, e tamén dos veciños e veciñas.

"Neste último ano veu moita xente para coñecer a taberna. Poucos días antes de morrer, en novembro do ano pasado, saíu na TVG. Viviu unha sorte de homenaxe, aínda que el non entendía esa atención, pois era a súa vida", indica Nuria. E tanto era así que case até o último día estivo Inocencio mantendo esa orde, a do Cola-Cao, a das galletas, a do café de pota, a da mesa de nogueira, todo no sitio coma se niso fose o equilibrio do mundo. "A taberna pechada sería a súa morte", comenta Nuria.

A valoración de Inocencio non sería mala, claro que non. A taberna só estivo dous días pechada. Tamén se alegraría de saber que deixou o reloxo en hora. Todos souberon cando tiñan que ir para celebrar esa apertura, e para despedir a Inocencio, cun brinde, cun viño. "Aquí cada día temos un horario distinto, dependendo do horario dos veciños. Sabemos a que hora vén cada un", comenta Nuria. "Máis ca un bar, é unha familia", comenta. Ou unha árbore, para non medir o tempo.

Inocencio e Nuria. EP
Inocencio e Nuria. EP

Máis de 200 anos de historias

O Expediente de Comprobación do Catastro da Ensenada, de 1790, xa atribuía a propiedade do negocio a un veciño co primeiro apelido de Inocencio, e xa no 1753 o mesmo Catastro rexistraba a existencia do negocio.

Inocencio (na fotografía, con Nuria), aínda lembraba as cartillas de racionamento, que se mantiveron ata o ano 1952, ou as viaxes a cabalo a Becerreá para comprar picadura. O mesón que levou coa súa muller era famoso polas troitas e galos, que hoxe están pensando volver ofertar

Comentarios