A superavoa naviega real tamén cociña as chulas

O artista Yoseba retratou a Amparo Pérez, veciña do municipio que foi panadeira e pastora, e a quen con 88 anos lle gusta bailar cada vez máis

"Non podo ser esa, que esa é moi grande!", exclamou Amparo Pérez cando se viu convertida na superavoa que o artista coruñés Joseba Muruzábal —coñecido como Yoseba— pintou na fachada dunha veciña da Proba de Navia.

Pero, non será ese, realmente, o tamaño que fai xustiza á súa grandeza? "Seguro que ela pensou por dentro que non fixera nada polo que recibir esa homenaxe", conta unha das súas tres fillas, Isabel. "As nais da Montaña nunca foron protagonistas, estiveron sempre ao servizo de todo o mundo", engade.

Pero se algo quere dicir Yoseba coas súas superavoas é que estar ao servizo é facer moito. Facer, por exemplo, chulas para a parva, esa comida de media mañá para repoñerse do traballo no campo. "As mulleres levábanas en bandexas aos homes durante a sega", conta Isabel. Cunha masa parecida á das filloas, son tan típicas coma elas en Navia de Suarna.

Amparo Pérez fainas moi ben, di a súa filla. Ademais, de masas sabe abondo, pois nos anos 80 montou unha panadaría na mesma vila, "aínda que as chulas son máis de preparar na casa", comenta.

Yoseba pasou horas con ela e case puido saber a receta deste prato que pode ser primeiro ou postre, pero tamén os veciños contáronlle moitas cousas desta muller mentres pintaba o mural.

O mural de Navia de Suarna é o primeiro do autor fóra da Coruña e o único da súa traxectoria custeado por un particular

Cando era pequena, Amparo axudaba co gando na súa casa familiar no lugar de Piñeira, parroquia de Galegos. Pero ese axudar, na verdade, significaba ir ao monte pola mañá e volver pola noite, levando a comida do día consigo. Ovellas, cabras e vacas. Amparo coñeceu co pastoreo os camiños da súa terra. Nunca viu un oso, pero sabía, polo seu pai, que de atopalo tería que deixarlle libre o paso. Iso si, de lobos conta moitas historias, de cabalos que se asustaban polos carreiros, das longas invernías onde é máis doado ouvilo ouvear.

De tanto poderío feminino, tivo tres fillas mulleres aínda nesa casa campesiña de Piñeira. Hoxe viven con ela fóra de Navia, pero alí volven sempre que poden, porque "Amparo, dalgún xeito, está alí", di Isabel, e agora o xeito xa está claro.

Nesa fachada, a capa de superheroína é un mandil de cadros. O superpoder é o de coidar, alimentar, estar pendente de todo o mundo, sachar a horta, dar de comer a porcos e pitas, mirar de que todo o mundo estea ben. "Así foi a miña nai sempre. O único desfrute que se concedía era bailar de cando en vez". E agora, aos seus 88 anos, bailar gústalle cada vez máis.

Por este motivo Yoseba decidiu pintala cos cascos ao pescozo. O xeito no que hoxe Amparo lembra os tempos nos que as veciñas lle pagaban a un gaiteiro para tocar nas festas demostra que a súa disposición para todo tamén o é para pasalo ben.

A MECENAS. Nesta historia hai outras mulleres. Está tamén Marina López, que un día comezou a soñar cunha superavoa de Yoseba nesa fachada da casa que tan pouco lle gustaba. El tiña tantas ganas de pintar un oso cunha muller da Montaña que chegaron a un acordo. A nai de Marina, falecida había un tempo, xa non podía ser retratada, pero Marina lembrouse desta outra veciña.

Todas as avoas de Yoseba acaban pousando co seu retrato, ou facéndose un selfie co artista

A reposteira dos montes, que é o título do mural, é a primera superavoa de Yoseba fóra da provincia da Coruña. E tamén é a única, das moitas que pintou até agora, costeada por unha particular, unha mecenas naviega que tamén puxo o seu empeño para agasallar á vila con esta obra de arte.

TODOS XUNTOS. Todas as avoas de Yoseba acaban pousando co seu retrato, ou facéndose un selfie co artista. El, despois, escribe unhas liñas sobre elas, que colga na súa páxina de Facebook. Neste caso, a Amparo acompañouna a familia enteira, fillas e netos. Despois de asombrarse do seu tamaño, e ante as preguntas de se lle gustaba ou non, dixo: "Como non me vai gustar, se estamos todos aquí!".

As superavoas teñen ese poder de reunión. Son coma centros do mundo. Sen a súa presenza gravitatoria, as cousas desintegraríanse, e por iso a maior alegría para elas é estar xuntos. "Hai moito que recoñecer nestas mulleres que viviron a posguerra, que traballaron moito, que se esforzaron continuamente", di a súa filla Isabel.

O mural de Yoseba non é o dun home loitando contra un oso, non. É o dunha muller dándolle a probar as súas chulas. Para iso cómpre moita forza tamén, unha forza non tan recoñecida, pero absolutamente necesaria.

Comentarios