O souto do Fontem Albei xa fala

O alumnado marcou os castiñeiros coa firma creada por eles e para non perder esa "lingua dos soutos" que dende hai décadas veñen recuperando da man da docente Gloria Fernández
Alumnado do IES Fontem Albei no souto do propio centro educativo. EP
photo_camera Alumnado do IES Fontem Albei no souto do propio centro educativo. EP

Escribir sobre a cortiza, e ver como o tempo da árbore agranda a nosa marca. Por moita era dixital na que nos atopemos, este xesto antigo segue a exercer a súa fascinación. Que llo digan aos estudantes do IES Fontem Albei, que o pasado venres marcaron os castiñeiros do souto do centro educativo co seu propio signo, creado co pulo dunha das docentes do centro, Gloria Fernández, que leva tantos anos coma teñen esas árbores próximas do instituto, tres décadas, recollendo o que chama "a lingua do souto".

Tiña que falar, o souto. Antes de que os montes estivesen partidos xudicialmente, cada árbore debía dicir quen era o seu dono. Dicíao cunha marca, que aínda salpica as serras orientais de Lugo. En distintos formatos, do papel ao dixital, Fernández compilou esas marcas das casas do mesmo alumnado.

Cada un dos cursos preguntou a nais, pais, avoas e avós cal era a marca da casa e cal era a maneira de lela. Algunhas veces letras, outras liñas rectas con distinto número de tallas, números romanos, aspas ou outras máis artísticas. O centro non só recolleu centos delas, senón que tamén soubo que ese número romano con dous pés inclinados deu en chamarse "pé de pita", ou que aquela outra marca tiña o nome de "sota de bastos", e tamén, claro, a que casa correspondían. Así foron coñecendo, ano tras ano, a lingua dos soutos.

Conta Gloria que as navallas no peto eran importantes non só pola merenda nos días de pastoreo ou traballo no campo, senón por marcar precisamente os castiñeiros, pois normalmente, neses montes pro indivisos, respectábase a propiedade do primeiro en marcala. Ese selo era tan importante que incluso se incluía nas escrituras.

Ano tras ano, no Fontem Albei reproduciron as marcas en papel, no ordenador, en murais. A idea dunha publicación tamén paira sobre este traballo, de ter algún apoio para levala adiante. A partir do venres, cumpriron tamén co proxecto de ter a súa propia marca, unha idea que lles deu a xornalista deste medio, Pilar Cheda, logo de facer unha reportaxe sobre o proxecto en 2016. Os castiñeiros do souto do Fontem Albei xa falan por si. Na lingua dos soutos, semella que aínda teñen moito que contar.

Comentarios