Se eu fose alcalde...

"Somos un equipo unido que traballa para que Cervantes volva ser un concello cheo de enerxía e ilusión"

Óscar Fernández Gómez. EP
photo_camera Óscar Fernández Gómez. EP
Óscar Fernández Gómez
Candidato do PP en Cervantes
Idade: 36 anos
Lugar de nacemento: Cervantes.
Primeiro ano como candidato: 2023.
Afeccións: Pasar tempo coa familia e os amigos. O deporte en xeral.

Óscar Fernández Gómez é o candidato do Partido Popular á alcaldía do Concello de Cervantes nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Ten 36 anos e é unha persoa moi coñecida na zona polo seu lugar de procedencia, a parroquia de San Pedro, e pola súa profesión como bombeiro forestal. É xefe de brigada, capataz da Reserva dos Ancares e tamén colabora no negocio familiar, o único taller mecánico que hai na actualidade no municipio de Cervantes.

O alcaldable popular é tamén o responsable da formación local do PP e asume o reto con "moita ilusión, humildade e ganas de traballar polo meu concello e os meus veciños". Nese sentido, asegura que «sempre intento lograr o que me propoño» e,neste caso, "é un obxectivo importante porque se trata do ben común". Óscar Fernández considérase un veciño máis de Cervantes e proponse construír "un proxecto que teña en conta a todos os veciños e todas as veciñas". Pola súa experiencia profesional e no ámbito deportivo, considera que "o traballo en equipo é fundamental para conseguir bos obxectivos". Nese sentido, asegura que "somos un equipo unido que traballará para que Cervantes volva ser un concello cheo de enerxía e ilusión".

Un goberno renovado e con ilusión por Cervantes


O aspirante popular á alcaldía cre que "Cervantes merece e precisa un goberno renovado, con ilusión e con capacidade de xestión. Temos que implantar dende o noso Concello medidas de apoio e atención aos veciños e veciñas", di. Por un lado pensando en «ofrecer servizos e oportunidades para que a xente nova se quede no municipio» e, por outro, garantindo "unha boa atención nas súas casas aos nosos maiores, aos que tanto lles debemos".

"O noso territorio ten moitas posibilidades: o corazón dos Ancares late con forza". Nese sentido, "hai moito por facer e, sen dúbida, todos xuntos podemos conseguir o impulso de Cervantes". De feito, o Partido Popular presentará unha candidatura "renovada, preparada e implicada co noso concello, coas necesidades dos nosos veciños e con ganas de defender o noso territorio", segundo manifesta Óscar Fernández. "O Partido Popular ofrece un proxecto novo como alternativa a un goberno local totalmente desgastado", segundo defende. A atención aos veciños e veciñas é unha prioridade. Tendo en conta que "os veciños deben ser a prioridade dun goberno local", O alcaldable popular amosa a súa vontade de "escoitar as súas necesidades. Esa é a base do noso proxecto". O candidato do PP explica que «aquí en Cervantes coñecémonos todos os veciños e creo que temos que apoiarnos uns a outros». Nesa liña, como persoa sociable e extrovertida, aposta pola "cordialidade" e "evitar os enfrontamentos". Iso si, «sempre defenderei a Cervantes», asegura.

Un goberno resolutivo e que faga medrar Cervantes

Óscar Fernández explica que "queremos ofrecer un goberno local que apoie aos veciños facilitando os trámites administrativos e asesorando sobre os procedementos coas distintas administracións. O Concello ten que ser unha administración cercana e resolutiva que preste servizos aos veciños. O goberno local ten que xestionar de forma eficaz os recursos propios e ser capaz de atraer investimento doutras administracións".

O alcaldable popular tamén considera "fundamental" impulsar iniciativas en beneficio dos veciños, tendo en conta as nosas características e as nosas actividades económicas. "Hai que contribuír a potenciar o sector primario e os produtos de calidade das ganderías do noso concello".

"Ademais de garantir os servizos sociais e a atención nas súas casas aos nosos maiores e dependentes, defendemos un proxecto que se implique no apoio ás asociacións que, dende fai anos, son as que están a promover iniciativas no  ámbito cultural e turístico, principalmente", asegura. "O goberno local ten que facer medrar Cervantes", engade.

Algunhas das propostas que formula o Partido Popular

Algunhas das propostas do proxecto popular para Cervantes son dotar de traídas de auga de calidade ás aldeas que o necesiten, arranxar as pistas municipais, facer as xestións necesarias para levar a cabo tarefas de prevención de incendios, reforzar o Servizo de Axuda no Fogar mellorando os servizos aos maiores e aos seus coidadores, dotar de servizo de transporte para dependentes e o apoio ás xestións dos veciños coas distintas administracións.

Cervantes2
Potencialidades
Os Ancares, recurso natural e turístico
O municipio de Cervantes ten un gran "potencial natural, paisaxístico, histórico, cultural e patrimonial". Pola súa vinculación persoal e profesional co territorio dos Ancares, Óscar Fernández aposta por "traballar para que a Reserva dos Ancares conte cun presuposto apropiado" para facer fronte ás necesidades do territorio como poden ser "a limpeza e sinalización de sendeiros ou a execución de obras en xeral que favorezan o día a día dos nosos veciños e veciñas". "Estamos orgullosos do noso concello», defende o candidato do Partido Popular á alcaldía de Cervantes. E, polo tanto, cre que «co impulso e as medidas de apoio e promoción axeitadas, podemos facer que os nosos recursos sexan apreciados tamén por persoas doutros lugares e convertelos en fonte de riqueza para o noso municipio".