Á venda un símbolo da Montaña: o castelo pazo de Quindous

É un dos máis potentes da zoa, fundado no século XV e considerado BIC, está á venda por 225.000 euros mentres a súa deterioración avanza cada ano
undefined
photo_camera Un dos laterais interiores do pazo, no patio. THINKSPAIN

Do castelo e pazo de Quindous pendura o cartaz de 'véndese'. A páxina web Thinkspain, orientada tamén a compradores estranxeiros, fixa o seu prezo en 225.000 euros. A plataforma indica que o teito está en bo estado e que moitas prazas de aldeas envexarían o tamaño do seu patio. O enclave súmase á lista de pazos galegos en venda, preto de 200, segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), dun total de 900 catalogados no Inventario Xeral de Patrimonio.

Conta Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares, que xa nun documento da catedral de Lugo do ano 1250 figuraba unha 'hereditas' en Quindous, unha potente herdade que pode incluso falar dos inicios desta casa cuxa fundación xa se constata no século XV, que é a data dun dos seus escudos. Manuel Vázquez Seijas, en Fortalezas de Lugo y su provincia, indica que tanto o pazo coma a aldea tomaron o nome do seu fundador, Paio Quindós.

'Soi la cassa de Quindos fondada en esta Montaña', pode lerse nunha pedra armeira. Un laio ocupou o lugar do poder que tiveron estas palabras durante séculos. Moure explica que, segundo a transmisión oral, por debaixo habería outra lenda, que diría 'Ao rei non debo nada se lle pago a cabana'.

undefined
As dúas torres defensivas do pazo. THINKSPAIN

Segundo contou un dos descendentes da estirpe a este xornal, o escudo ten unha imaxe de tres lúas, o que se demoraba en recorrer todos os terreos que posuía a familia. O señorío pasou no século XVIII aos marqueses de San Sadurniño, que viviron nel ata finais do século XIX.

Estado. Dende hai anos, a Casa Quindós xa non ten xanelas que se pechen contra a choiva, e pouco a pouco vai deteriorándose. Declarada Ben de Interese Cultural en 1949, a rehabilitación multiplicaría por cinco o prezo de venda cos requerimentos que marca a Lei de Patrimonio. As novas deste tipo resultan agridoces para Patrimonio dos Ancares, pois falan dun patrimonio case posto en venda en mans alleas.

Ante a falta dun plan claro das administracións para esta riqueza patrimonial, un destino pode ser o de converterse nunha casa de turismo rural neste paso dos Ancares. De non ser así, semella abocado a continuar o seu deterioro e converterse noutra ruína máis no territorio.

O colectivo ten denunciado que, das 18 fortalezas que aínda se conservan nos Ancares, só a de Doiras está nun estado aceptable. A de Quindous sería, xunto coa de Torés e a Torre de Doncos (nas Nogais) e a Torre de Vilameixe (en Baralla), as que sofren un mal estado. Do resto, apenas queda algún escudo, algún vestixio de torre, apenas nada, e outras 14 terían desaparecido.

Patrimonio: outros ben á venda na comarca
O prezo de venda do Pazo de Quindous é practicamente igual ao importe polo que un veciño de Becerreá comprou o mosteiro de Santa María de Penamaior hai un ano e medio. Actualmente, tamén unha das pallozas de Piornedo está en venda por unha cantidade semellante.

Pazo de Doncos

O Pazo de Doncos tamén está en venda, por un prezo exponencialmente maior, 2,5 millóns de euros. En perfecto estado de conservación, este pazo foi construído a comezos do século XIX e constitúe unha das casa palacegas máis senlleiras de toda a comarca dos Ancares.

Comentarios