Ser do rural, un motivo de orgullo

Fademur estreou a súa Caravana Cultural en Navia para pór en valor os saberes tradicionais
undefined
photo_camera Os asistentes puideron pasear entre postos de artesanía e de produtos gastronómicos da zona. SEBAS SENANDE

"Todo se fai en concellos grandes, pero nós o que queremos é empaparnos do rural". Non lle fai falta dicir máis a Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia, para explicar por que Navia de Suarna foi o lugar elixido para ser esta fin de semana o epicentro dos intercambios de saberes. Saberes tradicionais, pero tamén actuais, eses que demostran de novo que "nos sitios pequenos tamén se fan cousas, moitas", e que obrigan a recoñecer o traballo de quen as saca adiante: "Hai que poñer en valor o seu labor, non é nada fácil facer algo todos os días en lugares con tan pouca poboación".

Esa foi a mensaxe final que rezumou tras a mesa redonda na que participaron a xornalista Lourdes Abuide, a creadora do proxecto O Argueiro dos Ancares, Lucía Rodríguez; a produtora de Gaitafilmes, Laura Doval; a presidenta da fundación Uxío Novoneyra, Branca Novoneyra, e o profesor da Complutense Héctor Fouce. Nesta actividade, unhas das moitas programadas nesta primeira edición da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, debullouse o importante que é divulgar o día a día do rural, un obxectivo no que "as redes sociais, os medios de comunicación locais e a propia veciñanza" se converten en "importantes axentes catalizadores", engaden desde Fademur.

O parladoiro foi un dos actos centrais do sábado, xornada inaugural na que participaron Verónica Marcos, o alcalde naviego, José Fernández; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, e Begoña Suárez, do Instituto da Muller, e na que tamén houbo musicoterapia para novos e maiores nunha antiga ferraxería atrapada no tempo, un concerto dramatizado de música de cámara dos séculos XIX e XX na vella discoteca de Navia e a actuación de Bulbalkan na Praza do Concello. Os obradoiros dos oficios de sempre, con Fusaiola ensinando a fiar liño e la, Tres Caracoles falando do coiro e Lucecús abordando o tecido cos dedos, foron as propostas que se estenderon ata este domingo, cando as palilleiras das asociacións Alfinete e A Xuntanza demostraron a súa destreza, Ana Carreira ofreceu un contacontos, N.E.X.N. deu un concerto e un graffiti quedou plasmado para sempre para recordar "que a cultura é igualdade".

"Eu quedo coa solidariedade e xenerosidade da xente do rural", sinala Verónica Marcos, ao tempo que fala das impresións que lle trasladaron os asistentes, chegados de todos os puntos: "Para todos foi unha novidade; para os de aquí foi novedoso que se trasladase tanta infraestrutura ata Navia, e para os de fóra, coñecer unha Galicia diferente".

A Caravana Cultural non para e a súa próxima cita será en Piornal, en Cáceres, na primavera.

Comentarios