As señoritas de don Jaime e todo o mundo

Becerreá recorda a academia na que estudaron case todos os veciños da vila baixo a dirección de dúas mestras
Un grupo de alumnos da academia das señoritas de dos Jaime en Becerreá. EP
photo_camera Un grupo de alumnos da academia das señoritas de dos Jaime en Becerreá. EP

Adiviña, adiviñanza. Quince minutos, media hora. Unha como moito. É difícil que pase máis tempo sen aparecer na conversa, se con quen se fala é de Becerreá e ten máis de 60 anos. Que será? Dende o ano 1945 e até entrados os 70, ademais das institucións que pouco paga a pena amentar, había outra, ben distinta. Voilà, aquí a tedes, sen rodeos, a academia das señoritas de don Jaime. En realidade era a academia Pardo, pero non é así como a leva quen a leva na punta da lingua, as máis de 70 persoas que o verán pasado se reuniron no hotel Méndez Núñez de Lugo para lembrar esa.

"Por alí pasou todo o mundo", di Claudio Vázquez. Todo o mundo que fixo o bacharelato elemental ata a reválida de cuarto. E non foron poucos. Dende logo, foron moitísimos máis ca se elas non estivesen alí, nesa gran casa arrodeada de hortas, coas grandes escaleiras de pedra, coas súas mesas corridas no primeiro andar, á esquerda.

                      Varios grupos de alumnos da academia. Á dereita destas liñas, Claudio Vázquez cun compañeiro coas famosas mazás.
Un grupo de alumnos da academia. EP

Realmente Jaime pintaba pouco na academia das señoritas de don Jaime, máis ca ser o pai de Maruja e de Lupita. A primeira daba ciencias. A segunda, letras. Ben, en realidade Jaime si que pintou. Médico na vila, deu estudos aos seus fillos, e ás súas fillas, cando non sempre era o máis común aínda podendo facelo, o que xa era unha excepción.

O rastro desa posibilidade chegou ás páxinas deste xornal, xa un pouco tarde. Cando Guadalupe Pardo morreu, en xaneiro de 2015, unha das súas alumnas escribía unha necrolóxica na que contaba como ela e Maruja axudaran a tantos nenos aos que chamaba seus a facer unha carreira "nunha época na que saír do pobo para estudar non estaba entre as prioridades dos pais para os seus fillos, e menos para as súas fillas".

A mesma Lupita deulle a Claudio, antes de morrer, o caderno onde tiña apuntadas, entre outras cousas, as contas da academia. Todo ben ordenadiño e ao día, pero con distintos prezos, en función das posibilidades de cada familia. O mesmo Claudio di que el non tería podido estudar, como fixo, se non chega a ser por elas. "Quen podía facer o bacharelato enteiro en Lugo? Sería imposible. E así fomos preparándonnos con elas, e facendo os exames por libre", conta.

Alí había de todo, mozos e mozas xuntos nas mesas corridas, facendo o elemental, ou preparando as materias que quedaran do superior no verán, ou mesmo recibindo reforzo para a universidade. E non só de Becerreá, senón que alí chegaban de toda a comarca.

Maruja e Lupita eran brillantes, preparaban moi ben. Pero, ademais, eran boa xente. Ou, sobre todo, eran boa xente. Conta Claudio que el, Arturo Montaña e Samuel de Portela eran os dos recados. Que se había que ir por labra para estrar a corte dos becerros, ían. Que se había que recoller as mazás, pois tamén. Sempre cunha propina, claro.

Pois un día, un día Lupita e Maruja souberon como miraba Claudio aquela primeira fotonovela que chegara "á librería de don Ramón". "Mandáronme facer cinco recados xuntos para reunir as quince pesetas que custaba", comenta. E aínda hoxe se lle alegran os ollos cando recorda como chegou con ela a clase. Seguro que moitas persoas da súa quinta coñecen o argumento de comezo a fin dese enredo amoroso que era Sacrificio al amor. "Fun un heroe", presume aínda hoxe.

E iso que os rapaces facían das súas. Meter arames nos enchufes ata que saltasen os fusibles, por exemplo. "Pero, a diferenza doutros mestres que tivemos na escola, elas nunca nos puxeron a man enriba. Castigábante con carillas que tiñas que cubrir, o que, en certa maneira, era educativo. Iso si, ás veces temos quedado ata as 23.00 horas", recorda. Unha vez, el mesmo quedou ao mediodía, despois de negarse a cubrir as carillas, e tamén a comer na casa delas, que con Claudio... coidadiño. E volveu ser heroe, cando a xente viu como se deixaba caer do teito, da trapela pola que se metera no almacén, onde comera moitas mazás, esas mazás pequeniñas e riquísimas.

                      Varios grupos de alumnos da academia. Á dereita destas liñas, Claudio Vázquez cun compañeiro coas famosas mazás.
Claudio Vázquez cun compañeiro coas famosas mazás. EP

Lupita e Maruja están na punta da lingua de moita xente de Becerreá, no recordo da primeira vez que algúns viron o mar na illa da Toxa, con fanecas incluídas, ou das celebracións que sempre facían polo Santo Tomás. Ás veces non é nin sequera un recordo, senón o que aprenderon grazas a elas ou a carreira que puideron facer, doutro xeito imposible.

De feito, a idea da comida que reuniu os exalumnos era a de render homenaxe a Lupita mentres vivía. Chegaron tarde estes alumnos que se xuntaron no verán. Se cadra ela poñeríaos a encher, de novo, cuartillas. A non ser que volvan reunirse. Entón, ao mellor Claudio pode levar un cesto de mazás.

Os exalumnos reunidos. SEBAS SENANDE
Os exalumnos reunidos no Méndez Núñez. SEBAS SENANDE

Comentarios