Segar para teitar o ceo dos Ancares

A asociación que coida da arquitectura tradicional de Piornedo vén de facer a sega para dispor de palla propia coa que arranxar as pallozas e, á vez, clamar pola súa conservación
Momentos da sega do pan na aldea cervantega de Piornedo coas integrantes da asociación e outros veciños. JOSÉ SALGADO
photo_camera Momentos da sega do pan na aldea cervantega de Piornedo coas integrantes da asociación e outros veciños.

Os emigrantes que retornaron nestes días a Piornedo, ou os máis maiores da aldea, non daban crédito. Aínda que houbo quen regañou porque "para segar hai que facer de tal maneira" ou "coller aquilo con máis xeito", o certo é que ninguén disimulou a ledicia. Despois de anos e anos sen botar pan no monte, a asociación Teitos de Piornedo recuperou hai catro o seu cultivo, co obxectivo de dispor de palla para teitar as sete pallozas das integrantes da entidade e facer ruído ante o deterioro e abandono institucional deste patrimonio da Montaña.

As socias, Lucía, Carmiña, Isolina, Ernesto, Amelia, Lola e Lucita, están contentas con esta colleita, a mellor até agora. A palla saíu boa e longa, xusto como precisa esa arte de atar o colmo co brincallo antes de deitalo sobre cangos e ripias. O pastor eléctrico que financiaron hai ano e pico cunha campaña de micromecenado evitou calquera dano do xabaril. E, se ben aínda non se animaron a anunciar a data e contar coa axuda da moita xente que outros anos se achegaba de fóra, foron varias as mans veciñas que se puxeron á faena. En tres días, tres searos, palabra masculina nestas terras altas da provincia, antano douradas polo pan.

Conta Lucía González -a presidenta da asociación- que o centeo na zona usouse sempre para gran e para o teitado das pallozas, pero é esta última función a que determina o xeito de segar, para aproveitar toda a palla que, noutros lugares, só se usaba para estrar as cortes ou alimentar aos animais. En Piornedo fan a sega con bertolina, para o que, como mínimo, se precisan tres persoas: unha para tombar o pan, outra para segar, e outra para ir atando os mollos –sempre a man– que logo se colocan facendo unha meda. Nos sitios que non son accesibles, o proceso é todo artesán.

En setembro, a asociación celebrará a mallega, e a partir de aí prepararanse os colmos para teitar, e volta a comezar. Se o tempo o permite, sementarán de novo o propio gran en outubro, para ter un pan "grandal", máis duro. Se chove moito e cómpre agardar, o pan será "mirandés" en xaneiro, e aínda queda marxe para cultivalo serodo na terra da patacas. Este é, di Lucía, o que dá mellor gran, e aínda que o seu obxectivo é a palla para teitar, tamén aproveitan o gran para facer fariña, que cada ano venden entre amigos.

Lucía González xa non recordaba que se botase pan na zona, aprendeuno da man de Teitos de Piornedo, pero aínda coñeceu a varios teitadores. "En cada casa había un, pois era un máis dos traballos", indica. Agora cóntanse cos dedos da man, e o seu traballo está moi cotizado. O segado nestes días serviralles para ir reparando uns teitos que claman por máis axudas para a conservación.

"Agosto pasou, quen mallou mallou i o que non, quedou. Setiembre virá, quen nun mallou xa mallará", dícese nestas terras. Outras cousas fanse coa tarefa: cantos, contos, cantigas. Tamén hoxe os Teitos de Piornedo o que buscan coa sega, a mallega e o pan no monte "é facer ruído".

Teitos de Piornedo denuncia o abandono institucional
Teitos de Piornedo naceu no 2018 ante o deterioro dos teitos tradicionais das pallozas e a falta de medidas para a súa conservación. Lucía González indica que até o 2010 a Xunta establecía unha liña de axudas anuais para o seu mantemento, pero que deixaron de convocarse. «Manter unha palloza custa 3.000 euros ao ano, sen axuda é imposible», di. 
BIC sen protección
A aldea de Piornedo ten consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), como tamén as súas pallozas, un dos conxuntos máis singulares de Europa. Hoxe en día reciben unha pequena axuda para sementar o cereal. Ningunha para teitar.

 

Comentarios