A sauna do castro de Castañoso, en detalle

O Museo Comarcal da Fonsagrada vén de habilitar unha nova sala dedicada en exclusiva a este ben singular que foi escavado en 2015. A través dunhas maquetas vense os espazos da construción, única pola súa magnitude e conservación, xa que mantén a falsa bóveda
                      Vista xeral da sala dedicada á sauna do castro de Castañoso, no museo da Fonsagrada.
photo_camera Vista xeral da sala dedicada á sauna do castro de Castañoso, no museo da Fonsagrada. VICTORIA RODRÍGUEZ

En Castañoso sabían que algo había. Os cregos Enrique López e José Argul tamén, por iso en 1986 se aventuraron a dicir, con acerto, que o que a maleza tapaba naquel lugar recóndito do monte fonsagradino era unha sauna castrexa. Case 40 anos despois, a aposta de López e Argul protagoniza en exclusiva unha sala de exposicións do Museo Comarcal da Fonsagrada, ademais de ser toda unha realidade que viu a luz en 2015.

O castro está nunha pendente, o que puido obrigar a que a sauna se construíse sobre unha plataforma. VICTORIA RODRÍGUEZ
O castro está nunha pendente, o que puido obrigar a que a sauna se construíse sobre unha plataforma. VICTORIA RODRÍGUEZ

Varias maquetas representan o exterior da sauna -única pola súa conservación e a súa magnitude en Galicia e Asturias- e o seu interior, o cal se distribúe en varias salas de moi pouca altura: o forno, a sala quente e a antesala, divididas estas dúas últimas pola pedra formosa, cuxa recreación tamén se pode observar nas instalacións do museo. No castro de Castañoso apareceu en cachos, pero completa, aínda que o difícil acceso fixo imposible sacala do seu lugar.

En 1986, Enrique López e José Argul xa aventuraban a existencia dunha sauna castrexa, cando aínda se debatía a súa existencia

Non é a única peculiaridade desta construción, que se une ás outras saunas achadas en cinco castros do Val de Navia -Coaña, Pendia, Grandas, Pelou e Taramundi-. "Unha das cousas máis destacadas desta sauna é que conserva a falsa bóveda. Non hai ningunha que coñezamos que a conserve", explica Manuel Miranda, membro da directiva do museo fonsagradino, integrante de Mariña Patrimonio e un dos impulsores da recuperación deste vestixio. "Patrimonio non quería ver no seu momento que efectivamente se trataba dunha sauna, así que nos esforzamos en difundir a súa existencia e, finalmente, tiveron que intervir", narra.

Ángel Villa dirixiu varias campañas en cinco castros do val de Navia próximos á zona de Castañoso, onde tamén se atoparon saunas

A aquela primeira intervención financiada pola Xunta en 2015, ideada para consolidar a falsa bóveda, seguiuna outra sufragada pola Deputación dous anos despois na que se avanzou no descubrimento da construción. Aínda así, "sería recomendable unha terceira campaña", engade Miranda, que confirme a existencia dunha pía e unha canalización de auga. Esta podería ir dar a unha seimeira, pero é unha pregunta que aínda non ten resposta.

A pedra formosa ten un semicírculo, a través do que se pasaba reptando. Representa o momento dun parto. VICTORIA RODRÍGUEZ
A pedra formosa ten un semicírculo a través do que se pasaba reptando. Representa o momento dun parto. VICTORIA RODRÍGUEZ

Miranda engade como outra das particularidades deste espazo a "localización do castro", situado nunha pendente, e que no seu interior "non se atopou case ningún tipo de material, excepto unha roda de muíño", concretamente "a parte de abaixo".

No interior da sauna só se atopou a base dunha roda de muíño que puido usarse para moer plantas ou sementes de alucinóxenos en rituais

"Existe a idea de que se facían rituais con alucinóxenos e que se moía algunha planta ou semente", engade Miranda sobre as teorías de historiadores e antropólogos acerca dos usos da sauna, instalacións que existen noutros continentes nos que si se constatou o emprego de alucinóxenos.

Esta sala dáse por inaugurada oficialmente este sábado cun acto no salón de plenos do consistorio. Ese é o escenario dunha mesa redonda co experto Luis Francisco López, Ángel Villa, que dirixiu varias escavacións no Val de Navia, e Felipe Arias, que cuxa intervención versa sobre arqueoloxía e o patrimonio na montaña.

A antesala é moi ampla e o pequeno burato da pedra evitaría que escapase o vapor e a calor da sala quente. VICTORIA RODRÍGUEZ
A antesala é moi ampla e o pequeno burato da pedra evitaría que escapase o vapor e a calor da sala quente. VICTORIA RODRÍGUEZ
O museo impulsa unha sección sobre os vellos gaiteiros
O Museo Comarcal da Fonsagrada vén de celebrar unha asemblea na que, ademais de ratificar a súa xunta directiva, fixo un balance das actividades realizadas no pasado ano e avanzou as vindeiras exposicións. Entre elas, o director do patronato, Xoán Xosé Molina, destaca a nova sección adicada a unha vintena de vellos gaiteiros da Fonsagrada, Negueira e Ibias, que incluirá fotografías e a gaita do Chocolateiro, veciño de Fumaior que emigrou a Bos Aires e cuxo instrumento, datado dos anos 70, doou a familia.

Parroquias fonsagradinas
Outra das mostras que preparan, para dentro dun par de meses, explica Molina, terá como eixo as parroquias da Fonsagrada. Para iso reuniranse imaxes das igrexas cedidas por veciños e párrocos.

Directiva
Xoanxo Molina segue de presidente, Carlos López, como vicepresidente; Esperanza Abelairas, de secretaria; Secundino Fernández, de tesoureiro, e hai cinco vogais.

1.600 persoas son as que pasaron polas instalacións ao longo de 2022.

Comentarios