viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

O Santo Milagre enche O Cebreiro

Procesión no Cebreiro. AIDA SOENGAS
Procesión no Cebreiro. AIDA SOENGAS
Miles de romeiros abarrotaron o núcleo e o santuario quedou pequeno para acoller todos os devotos

Oito séculos despois de que o viño se convertera en sangue e o pan en carne no santuario do Cebreiro, os devotos volveron peregrinar onte ao núcleo para conmemora o prodixio. Conta a lenda que no século XIII un veciño de Barxamaior desafiou o temporal para subir a pé ao templo para escoitar misa. Este esforzo tivo a súa recompensa, pois durante a celebración puido contemplar ese milagro eucarístico que se fixo famoso en medio mundo.

Como cada 9 de setembro os fieis non quixeron perderse esta celebración e abarrotaron O Cebreiro chegados en coche ou mesmo a pé. O templo quedou pequeno para acoller a todo o mundo e as colas cara ao núcleo sucedéronse durante todo o día. Os romeiros chegaron de todos os puntos da xeografía e houbo unha gran presenza de veciños leoneses, onde tamén estaban de festa.

Os oficios relixiosos que se celebraron cada hora contaron con gran afluencia de fieis e o punto álxido da xornada viviuse á unha da mediodía coa celebración da misa maior ao aire libre. Os devotos engalanaron con tantas velas a imaxe de Santa María A Real, que os voluntarios tiveron que retirar algunhas para poder sacala en procesión arredor do pobo.

Relixión e ocio foron da man e os visitantes desfrutaron dos postos de artesanía e alimentación e da festa, que correu a cargo do grupo de gaitas Xistra e da orquestra Superfama.

O Santo Milagre enche O Cebreiro
Comentarios