O rostro de Navia ten outro castro

Vencellado á minería aurífera romana, o poboado do Teso da Ermida asomou só un pouco da súa fisionomía, pero os seus rasgos xa abraiaron por atoparse nel o muro máis alto conservado dunha vivenda castrexa en Galicia
Luis Francisco López González, no muro máis alto conservado. SEBAS SENANDE
photo_camera Luis Francisco López González, no muro máis alto conservado. SEBAS SENANDE

O rostro do Teso da Ermida, en Vilela (Navia de Suarna), cambiou hai poucos meses. A segunda campaña arqueolóxica do castro, financiada pola Xunta, fixo que aflorasen nel sete vivendas das preto de 200 que se estiman nos seus varios niveis.

O director da escavación do xacemento, o arqueólogo Luis Francisco López González, de Terra Arqueos, sinala con emoción o muro máis alto conservado en Galicia. E apunta máis alá, cara ás últimas pólas dos carballos, pois a eses cinco metros de pedra se lle sumarían outros tantos de teito ata facer as casas tan altas coma as árbores.

Non é unha excepción o de Vilela. As casas castrexas eran así, ben altas, en contra dun imaxinario que as modelou en función dos restos conservados, máis baixas. Neste muro, porén, rebocado no interior, é posible ver, da man de Luis, a marca dun segundo andar. "Cinco metros de altura para menos de cinco de diámetro só teñen sentido cun aproveitamento dese segundo andar", comenta.

Este arqueólogo defendeu na Universidade Complutense en xaneiro deste ano a tese Castros y territorio: Evolución del poblamiento castreño y de los procesos de territorialización en la sierra oriental gallega y sector meridional lucense. Nela, establece que só na cabeceira do río Navia habería 160 explotacións auríferas.
Luis Francisco López González, no muro máis alto conservado.

[Varios veciños da zona e da asociación Ser no castro. SEBAS SENANDE]

O castro do Teso da Ermida estaría vencellado con esa actividade que chegou da man de Roma, provocando unha auténtica revolución socioeconómica na Montaña. Pois, se ben a zona xa estaba poboada, houbo moitas poboacións que se crearon asociadas á minería, como a do Teso da Ermida ou a do castro de Santa María de Cervantes.

O OURO. En colaboración co CSIC, hai anos, Luis participou nunha mostraxe con bateo en diferentes puntos do Navia e dos seus afluentes, o Ser, o Rao e o Quindous. En todas as mostras apareceu este mineral prezado, ese mesmo ouro que fixo que os romanos remontasen os ríos dende a embocadura, "explotando todos os sedimentos cuaternarios e terciarios, en busca dos primarios", como sería o caso do río Ser, que tería unha mina primaria na súa cabeceira e outro castro asociado á minería no lugar coñecido como Casas do Río.

A falta de confirmar o ano de fundación do castro, Luis estímaa no século II, asociado ao ouro e con técnicas construtivas que xa terían influencia de Roma, que permitían levar a auga a estas zonas de ladeira que, por outro lado, daban aos preto de mil habitantes que aquí vivían veigas cultivables... e visión.

2.000 ANOS DESPOIS. Veciñas e integrantes da asociación Ser sentan no banco corrido, coas costas apoiadas no muro. "Así estarían os nosos veciños hai 2.000 anos", din. Alí, o lume deixou no chan marcas que agora analizan para saber que madeiras utilizaban e coñecer algo máis da paisaxe de entón.

A porcentaxe do castro escavada é moi pequena. O interese en seguir, moi grande

A zona, ademais do nome cristián do Teso da Ermida, dedicada a San Martiño, coñecíase como As trincheiras dos mouros. Sinala dende o alto do teso Luis os cinco fosos sucesivos cortados na rocha que protexían o castro, un espazo tan grande coma o propio poboado. Trincheiras, precisamente, daqueles "mouros" que na imaxinación popular eran os non bautizados, os que viviron moito antes cós antigos, que serían os cristiáns do Medievo, tan asociados co ouro e as súas trabes.

A porcentaxe do castro escavada é moi pequena. O interese en seguir, moi grande. Conta Luis que esta zona experimentou un cambio radical baixo o dominio de Roma, en comparación coas zonas costeiras, máis expostas ás novidades e cambios que chegaban a través do mar. "O cambio é moi marcado, o que nos daría unha gran fiabilidade na investigación", indica, e axudaría a comprender ese rostro da romanización co que hoxe A Montaña nos segue ollando e asombrando.

Comentarios