Requísanlle en Barcelona a pandeireta por tocala na rúa e Xabier Díaz regálalle a súa

A naviega Lucía Rodríguez atopábase celebrando as Letras Galegas cando a Guàrdia Urbana irrompeu e multou os cinco membros do grupo
Xabier Díaz e Lucía Rodríguez coa súa nova pandeireta. EP
photo_camera Xabier Díaz e Lucía Rodríguez coa súa nova pandeireta. EP

Unha celebración polo Día das Letras Galegas na praza do Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona (Macba), no barrio do Raval, saldouse con varias multas e tres pandeiretas confiscadas. Unha delas a da naviega Lucía Rodríguez, quen seis meses despois daquel incidente, foi agasallada polo propio Xabier Díaz cunha pandeireta da súa colección.

"Non imaxinas a ilusión que me fixo!", dicía Lucía sobre a entrega. Foi o pasado venres, durante un concerto de Díaz e as Adufeiras de Salitre na cidade condal que supuxo para ela "un soño cumprido".

A proposta de Xabier Díaz de agasallar a Lucía cunha pandeireta chegou vía Twitter, en forma de resposta á denuncia pública que fixo a afectada na rede social e no diario Praza.gal o 14 de outubro.

 

Lucía relata así o acontecido: "Era o 23 de maio, estabamos festexando as Letras Galegas, e serían sobre as dúas da mañá cando estabamos cinco persoas con tres pandeiretas nunha praza na que sempre hai skaters, xente con música alta e moito ruído. De repente chegaron catro coches da Guàrdia Urbana e todos empezaron a correr menos nós, que quedamos sentados porque non estabamos facendo nada malo. Así que, case sen mediar palabra, quitáronnos as pandeiretas e leváronas".

Esta rapaza de Navia, que leva un ano en Barcelona, recoñece que "o que peor me pareceu foi o ton prepotente co que nos falaron os axentes" e asegura que non sabe de ningún outro caso no que se requisasen pandeiretas. "Casos de multas si que coñezo, porque aquí son bastante esixentes con ese tema", engade.

Tras o enfado inicial, puxo unha reclamación no Ajuntament de Barcelona. Respondéronlle dicindo que se desestimaba a súa petición e que se quería recuperala tiña que pagar "unha taxa de 196 euros, ademais dos 96 da sanción", explica, polo que insistiu cunha segunda reclamación que lle fixo chegar a Ada Colau. Por agora, sen resposta, aínda que o caso xa lle serviu para gañar "un concurso de multas raras".

Lucía Rodríguez conta que non só é unha perda material, senón o que conleva. "Ía a clases na Casa Galega de Hospitalet, participaba en foliadas e, cando tiña un ratiño, collíaa para practicar; e deixei de facelo", porque aínda que lle prestaron unha pandeireta, esta está sen ferreñas. Iso si, asegura que a seguirá empregando, porque o agasallo de Xabier Díaz vai mantelo como ouro en pano.

Comentarios