O Rei da Montaña abarrota A Fonsagrada

A XXII Feira do Butelo superou todas as expectativas. Un inusual tempo primaveral atraeu a centos de visitantes e na primeira xornada houbo éxito de vendas, colas nos restaurantes e u ncheo total na carpa da praza do Concello

Feira do Butelo na Fonsagrada. VITORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Feira do Butelo na Fonsagrada. VITORIA RODRÍGUEZ

"O butelo da Fonsagrada é único, non hai outro coma este", así xustificaba este sábado un dos visitantes o cheo total que se viviu na XXII Feira do Butelo. Este exquisito manxar consolidou con creces o seu título de Rei da Fonsagrada, otorgado polo mesmo Forges, e volveu desbordar a localidade fonsagradina. Un inusual tempo primaveral acompañou durante toda a xornada e atraeu a centos de persoas que non quixeron perderse unha cita, organizada polo goberno local, que cada ano supera récords.

A feira arrancou ás dez da mañá e o ir e vir de compradores foi constante todo o día. Na carpa da praza do Concello onde se emprazaron os 63 postos non collía nin unha agulla. "Nunca tanta xente vin", exclamaba un fiel á feira mentras se facía un oco para observar os tradicionais embutidos colgados do teito dun dos stands.

Un dos comerciantes, Rubén Fernández, xerente da firma Casa Castelao, felicitábase do éxito de vendas. "Desde primeira hora houbo gran cantidade de público, vendéronse moitos quilos e seguimos", indicaba. O comerciante precisaba ademais que o bo tempo influíu no gran éxito. "Noutras edicións co frío e a neve a xente non se quedaban tanto tempo, pero coas boas temperaturas anímanse e incluso aproveitan para facer turismo pola zona", remarcaba. Da mesma opinión era José Luis Pérez, de Embutidos Buenavista. "Estamos moi satisfeitos, os visitantes están moi animados e está sendo unha xornada boísima. Trouxemos 2.000 pezas e esperamos esgotar existencias", indicaba.

Os expositores das dúas firmas ofrecían unha cata gratuíta dos butelos, "un manxar", segundo definía un degustante; e tiñan tamén á venda todo tipo de produtos cárnicos. Ao igual que Tita Blanco, artesana desde hai tres décadas. "O segredo dun bo butelo é a materia prima e coidar o tempo de curación, sempre con leña de carballo e sen moita luz", indicaba. A muller aseguraba tamén que o cariño co que se tratan as pezas é fundamental. "Levamos un proceso completamente artesanal. Foi algo que mamei desde nena e así sigo", sinalaba entusiasmada polo gran éxito da edición. "Estamos moi contentos das vendas e aínda queda a xornada do domingo", resaltaba.

O resto da oferta da carpa completábase con postos de queixos, licores, pan, repostería ou artesanía de todo tipo. Alumnos do IES Fontem Albei tamén puxeron un stand para recaudar fondos para a excursión de fin de curso. Pero o cheo non se viviu só na carpa, pois nas horas punta as colas sucedíanse no restaurantes locais.

O rexedor fonsagradino, Argelio Fernández, amosouse moi satisfeito do éxito da cita "que este ano estrea distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia", indicou. Entre o público tamén se encontraban personalidades que quixeron amosar o seu apoio á festividade, como o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o presidente da Deputación, Darío Campos; ou a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

A Feira do Butelo continúa hoxe a partir das 10.00 horas. Haberá actuacións musicais ao longo do día e ás 13.00 horas entregarase o Butelo de Ouro ao historiador Pegerto Saavedra e ao filólogo Antón Santamarina.

Comentarios