Un recoñecemento necesario

A asociación O Teixeiro, de Piornedo, leva máis de tres décadas cumprindo co seu labor de dinamización e conservación dos costumes nos Ancares. Este sábado 27 recuperará a súa coñecida Festa da Pandeira, lembrando ás mulleres tocadoras deste instrumento
Actuación na última edición da Festa da Pandeira, en 2019.
photo_camera Actuación na última edición da Festa da Pandeira, en 2019. EP

A música e a vida no rural constitúen historicamente unha relación inseparable e dun incalculable valor. En pequenos núcleos, e non tanto, hai décadas, era onde a xente se reunía acotío nas chamadas polavilas, eses encontros cos veciños que acostumaban ser no inverno, e das que saíron xeracións enteiras de músicos esquecidas polo paso do tempo.

Pero neste proceso de esquecemento e desprezo das institucións pola vida nas aldeas, tamén saíron proxectos e iniciativas coas que se procurou manter moi presentes ás xentes do rural e as súas tradicións. Unha tarefa necesaria, posto que nos bailes populares, nos cancioneiros, nas distintas formas de tocar os instrumentos atópanse verdadeiros tesouros.Unha desas xoias é a que protagoniza a lenda ligada ao teixo milenario de Piornedo, o emblema que dá nome a asociación O Teixeiro, que cumpre 35 anos de actividade a prol da dinamización e conservación dos costumes populares.

Membros da asociación, diante do teixo senlleiro de Piornedo. EP
Membros da asociación, diante do teixo senlleiro de Piornedo. EP

Lola do Ancho e Isolina do Viso, xunto con outros veciños naturais de Piornedo, decidiron crear este colectivo no ano 1987, en tanto que lles facilitaría a obtención de axudas económicas coas que poder levar a cabo distintas actividades encamiñadas a dar visibilidade á tradición local.

O seu obxectivo é a animación cultural, a recuperación e a conservación de tradicións. Isolina, unha das fundadoras, comenta que cando comezaron eran un grupo "bastante grande, tendo en conta que Piornedo é un pobo moi pequeno". Na actualidade, a cousa cambiou, e moita xente marchou. Outra vén só no verán. Consecuencia disto é a curta rotación que levan a cabo na directiva. "Ao final, quedamos os que continuamos por aquí, pero non importa quen estea, senón que facemos as cousas entre todos", asegura Isolina.

Esta asociación é coñecida por celebrar a Festa da Pandeira coa que homenaxean cada ano ás tocadoras de distintos pobos da zona e que recuperarán este sábado, 27 de agosto, coa súa 15ª edición logo de dous veráns de ausencia obrigada.

Este sábado, 27 de agosto, celebrarase a 15ª edición da Festa da Pandeira, logo de dous veráns de ausencia obrigada

"Durante estes dous últimos anos estivemos bastante parados", sinala Isolina. Así, á parte da coñecida festa, este ano teñen previsto unha serie de obradoiros "para profundar un pouco máis nos toques de pandeira e no repertorio de cada unha das mulleres". A homenaxeada será Argentina Frey, unha muller de Ponferrada xa falecida, "que nos acompañou sempre nestes encontros". Esta xornada será este venres, anterior á Festa da Pandeira, co obxectivo de "facilitar que a xente poida aproveitar e quedarse para acudir ás dúas cousas na mesma viaxe".

Sobre a colaboración con outras entidades da comarca dos Ancares, o occidente asturiano e O Bierzo, Isolina indica que procuran sumarse "a todo o que nos ofrezan, mesmo representacións teatrais, aproveitando as oportunidades e sinerxias, xa que somos unha asociación pequena". Por exemplo, adoitan traballar co GDR 3 Montes e Vales Orientais.

ISOLINA DO VISO
"Queda moi pouca xente que poida tocar e cada vez imos tirando máis de grupos que introducen as pezas no seu repertorio"

Ao contrario do que acontecía cando iniciaron esta andaina común, na actualidade a falta de xente nova e a desaparición dos maiores, síntomas do apagamento no rural, marcan o seu acontecer. "Queda moi pouca xente que poida tocar e cada vez imos tirando máis de grupos que introducen as pezas no seu repertorio, procurando que sexan o máis fieis posibles", explica.

"A pouca mocidade que hai vaise integrando e nós queremos que a asociación funcione tamén como unha entidade de veciños". De feito, recentemente modificaron os estatutos da agrupación para este fin, aínda que na práctica xa estaba funcionado deste xeito. "Tratamos de aglutinar a todos os veciños e utilizar a asociación para todo o necesario en beneficio do pobo", salienta Isolina.

Unha das accións máis interesantes deste colectivo é o seu papel reivindicador das tocadoras

Neste núcleo tamén se atopa a asociación Teitos de Piornedo, que coida das tradicionais pallozas que conforman o grande atractivo desta aldea prerromana declarada BIC. A súa presidenta, Lucía González, tamén está integrada en O Teixeiro. Escoitando a Isolina, queda clara a súa proclama de acollida: "Pertencer a asociación é o mesmo que pertencer ao pobo. Sempre que te queiras integrar e sumar tes as portas abertas".

A FIGURA DAS MULLERES. Unha das accións máis interesantes deste colectivo é o seu papel reivindicador das tocadoras. "Debémosllo. As mulleres no rural tiveron sempre unha gran forza e responsabilidade en todo", apunta Isolina, quen tamén lembra que a música foi moi "inxusta" con elas.

"Valoráronse outros instrumentos como a gaita, de carácter masculino, mais a pandeira non. O tratamento que recibiu é doloroso. Incluso hoxe segue a ter unha mirada despectiva, a pesar de que era moi común. É máis, nós mesmas durante moitos anos non soubemos deste instrumento tan especial. As mulleres tampouco nolo transmitían nun principio", explica con sinceridade Isolina.

Comentarios