Raposo mira desde o alto un terreo sen rival

O socialista leva 37 anos sendo alcalde de Pedrafita e chegará ás catro décadas sen oposición. Fíxose con sete edís dos sete totais
José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ (Portada)
photo_camera José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ (Portada)

José Luis Raposo Magdalena chegou á alcaldía de Pedrafita do Cebreiro cando o muro de Berlín aínda estaba en pé, un whatsapp soaba a marciano e Fraga aínda non empezara a gañar. Case 40 anos despois, todo cambiou e el permanece. Non sabe o que é o desgaste, pois as súas maiorías non paran de medrar, pero si sabe o que é repoñerse dos golpes.

Con 525 votos e o 76,86% dos apoios, o alcalde que tanto inaugura unha residencia de maiores, firma unha licenza de obra como despexa estradas subido na quitaneves, fíxose co set, o partido e a pista enteira. Tinguiu de vermello unha corporación que, curiosamente, no que vai de democracia nunca caeu do lado popular e sempre de alcaldes socialistas, e nas actuais sete cadeiras do pleno sentarán concelleiros do PSOE.

Este resultado coincide ademais co cambio de rango do municipio, que ao baixar dos 1.032 aos 936 habitantes, pasa de nove representantes políticos a sete. Unha circunstancia que beneficiou ás xa de por si amplas maiorías de Raposo, que colleu o mando tras a dimisión do seu predecesor, para eliminar os rivais: un PP que mantiña a duras penas a súa presenza no salón de plenos e un BNG que quería entrar de novo.

O socialista é dos que non dubida ao falar e, se o fai, é pola maleta de experiencias que leva ás costas. Entre as súas declaracións hainas tamén críticas co seu partido, ao que se afiliou no 80, ou con colegas da súa mesma cor porque, defende sempre que pode, el débese aos seus veciños, aos que coñece un por un.

Se hai algo do que lle gusta presumir é da maquinaria de Pedrafita, un extenso parque que visita todos os días como condutor de quitaneves que é e polo tirón da súa profesión -a de antes de ser alcalde-, a de mecánico. Nel reparte o traballo entre os operarios e arranxa avarías.

Non só lle tocou transitar por camiños de rosas, senón que coñece tamén o deserto. Aquel polo que pasou durante o macroxuízo das multas de Tráfico, que o levou a sentar no banco dos acusados en 2014 por, supostamente, ter intentado anular unha multa de 150 euros ao condutor dun vehículo do Concello. O tempo e o xuíz déronlle a razón, pero para daquela el xa tiña presentada a súa dimisión no PSOE e a renuncia na Deputación. Non na alcaldía, a cal conservou como independente, igual que o apoio da veciñanza de Pedrafita.

Ver aberta a residencia de maiores foi un dos seus grandes alivios, un anhelo que duraba máis dunha década, e ver cortada a conexión por autovía coa Meseta, o seu peor presaxio. Di habitualmente que aquela obra se fixo "ás présas" e que as manifestacións dos veciños e do Concello de Pedrafita contra o trazado orixinal da A-6 e a prol de conservar a Nacional 6 -con camións atrancados nos carrís da autovía- permitiron que os continuos percances que hai na zona non supoñan o illamento total.

Raposo encamíñase a "cantar" os 40 como alcalde, verso libre e principal activo dos socialistas.