Se eu fose alcalde...

"Quero unha Becerreá referente na Montaña, dinámica economicamente e que medre en servizos para mozos e maiores"

José Fernández Carrete. EP
photo_camera José Fernández Carrete. EP
José Fernández Carrete
Candidato do PP en Becerreá
Idade: 50 anos
Lugar de nacemento: Lagúa (Becerreá)
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Compartir tempo cos seus e a natureza


José Fernández Carrete, candidato do Partido Popular á alcaldía de Becerreá xa fora concelleiro de cultura e deportes na época na que o PP gobernara este municipio. Recoñece que é un apaixoado da súa localidade natal e de toda a comarca de Os Ancares e destaca que se presenta con ilusión para traballar pola terra na que escolleu vivir, pois –di– "Becerreá debe ser un referente da alta montaña; debe facer rendible todo o seu potencial tanto no turismo, como nas actividades e probas deportivas relacionadas co magnífico entorno natural que posuímos".

Todo isto –engade– aproveitando que "estamos a 25 minutos de Lugo e pouco máis dunha hora e media de A Coruña ou de Ponferrada".

Preguntado polo proxecto político que lidera, o alcaldable é contundente na súa resposta: "É un proxecto de presente pero tamén de futuro". Por iso, sinala que o reto demográfico é algo imprescindible a día de hoxe para este concello con tanta dispersión xeográfica e unha alta porcentaxe de avellentamento poboacional. "Hai que facer políticas non só a nivel local, senón tamén autonómico, nacional e incluso europeo. Trátase de frear a sangría que temos nesta materia coa implicación de tódalas administracións", manifesta. Relacionado con isto, sitúa a conciliación como unha débeda pendente e que debe de ser afrontada dende o Concello por ser a administración máis próxima aos veciños. Por iso, os mozos e mozas deste municipio "terán un lugar prioritario» se os populares acadan gobernabilidade o 28 de maio. Darémoslles facilidades para que aposten por Becerreá", afirma Fernández Carrete.

Becerreá conta con escola infantil, a cal disfruta da gratuidade da Xunta de Galicia, pero falta a iniciativa pública do Concello para facer deste pobo un lugar atractivo dende o punto de vista residencial. Pola súa ubicación, e con políticas ambiciosas e ben traballadas dende o punto de vista laboral, o alcaldable considera que ata podería ser elexida por persoas que teñen modalidades de teletraballo ou polos máis coñecidos como nómadas dixitais.

Os maiores, unha prioridade

Para o popular, a xente maior merece unha especial atención. Considera que a residencia da terceira idade, construída pola Deputación de Lugo e, por tanto, baixo a presidencia dun goberno socialista, non pode continuar pechada e sen prazos concretos para abrirse. "Creo que ningún cidadán o entende. É unha situación inaudita que non se poida ofrecer este servizo cando temos tantos maiores en Becerreá e o edificio feito". Neste sentido, o candidato cre que as desavenencias existentes dende hai anos debido ao enfrontamento político entre o alcalde e os dirixentes provinciais están a lastrar a apertura desta infraestrutura, afectando con elo ás persoas que a precisan. "Ao final quen pagan a situación son os becerrenses", lamenta.

Dinamismo económico e rebaixa de impostos

Polo seu emprazamento, Becerreá debería estar chamada a ser un lugar atractivo para poder vivir pero, "na actualidade, non o é". O programa dos populares vai encamiñado a reverter esta sitación e inclúen políticas que favorezan o emprendemento como a finalización da segunda fase do parque empresarial, a creación dun viveiro municipal de empresas ou a rebaixa de impostos para favorecer o asentamento de empresas e negocios.

O sector primario e o rural, no centro da acción política

O sector primario e a súa diversificación é outra aposta do Partido Popular. Tal é así que Fernández Carrete defende que os núcleos rurais con actividade deben ser clave para o futuro do concello. Asemade, a posta en valor do patrimonio cultural e artístico, unida á paisaxe tamén deben ser o motor da actividade turística; factor crucial –di– no futuro e no desenvolvemento socioeconómico de Becerreá.

Oportunidades desde A Montaña
O candadato popular á alcaldía cre que "é o momento de dar paso a un goberno do Partido Popular centrado en Becerreá e nas necesidades dos nosos veciños e veciñas; despois de máis dunha década de anos de gobernos socialistas e de formacións afíns que deron como resultado o descenso da poboación e o deterioro do municipio". Fernández Carrete sinala, así mesmo, que "dende que non gobernamos, vemos claramente os resultados. Se seguimos apoiando o mesmo goberno, teremos máis do mesmo. Por iso pensamos que hai que cambiar o goberno e dar a oportunidade ao Partido Popular de facer as cousas doutro xeito durante catro anos". "O meu obxectivo é ver unha Becerreá viva, con oportunidades, na que a xente nova decida quedarse, na que a xente maior teña tódolos servizos necesarios e cando se mencione o nome do noso pobo sexa sinónimo de futuro e non de estancamento ou de liortas políticas", conclúe .

Comentarios