Becerreá mobilízase para atopar as fotografías de Maruja Roca

aCentral Folque convoca aos veciños o 3 de agosto para salvagardar o patrimonio da fotógrafa do municipio

"Quen ten fotos de Maruja Roca, a fotógrafa de Becerreá?". Esa é a pregunta que xa pende do cartaz co que aCentral Folque convoca aos veciños do municipio a un encontro que terá lugar o vindeiro 3 de agosto, ás 20.00 horas, na casa da cultura da vila para salvagardar o patrimonio fotográfico de quen foi a fotógrafa do municipio nas décadas dos 40 e dos 50.

oiioO encontro celébrase no contexto do libro que a colección Cámara Escura de aCentral Folque dedicará a esta singular fotógrafa, e contará coa presenza do fotógrafo Eutropio Rodríguez e da escritora e xornalista deste medio Nieves Neira Roca, que traballan no volume de maneira conxunta. Tamén asistirá ao encontro o editor e director artístico de aCentral Folque, Ramón Pinheiro Almuinha, e Suso Roca, fillo da fotógrafa e quen gardou grande parte do seu arquivo. Presentará o acto Claudio Vázquez, tenente de alcalde do Concello de Becerreá.

E, quen pode ter fotos de Maruja Roca? Todos eles pensan que calquera veciño ou veciñaque teña un álbum familiar na casa con fotografías desa época.

Algúns saberán que así é. Haberá quen aínda lembre as indicacións de Maruja no momento da fotografía, a súa teima na postura, o seu perfeccionismo co cadro, a súa cámara Zeiss Ikon contra o embigo ou a capacidade de fabulación coa que fixo dalgunhas fotografías unha sorte de feitizo.

Outros, sen embargo, non saberán que esa foto que pende na casa foi feita por ela, que foi ela quen retratou ao tío avó músico, ao carboeiro, aos pais cando casaron ou quen compuxo esa postal da Ponte de Cruzul. Por iso, os impulsores do libro convidan aos veciños a mergullar no arquivo familiar, a compartir achados e historias no vindeiro luns e contribuír así a gardar o legado de Maruja Roca, unha das fotógrafas máis interesantes da Galicia da posguerra.

Comentarios