Quen pode pagar 100 euros para ir ao Hula?

Entre os 40 euros que pode custar chegar ao médico en San Román dende algunha parroquia, e os máis de 100 que implica desprazarse ao hospital en Lugo, os maiores sós que non conducen en Cervantes, que cada vez son máis, lamentan a discriminación territorial que sofren para acceder a un servizo básico como é a sanidade
undefined
photo_camera Toño do Pando. VICTORIA RODRÍGUEZ

IR AO CARDIÓLOGO custa máis de cen euros para calquera persoa maior de Cervantes que non poida coller o coche. Ao cardiólogo, ou a calquera especialista, ou mesmo a unha revisión do sintrom que requira ter que desprazarse ao Hula. Pero tamén a Atención Primaria ten prezo para aqueles veciños que non poden conducir: nun municipio de 276 quilómetros cadrados con 139 pobos espallados e a poboación envellecida, desprazarse ata San Román para ir ao médico pode custar ata 40 euros.

Inxusto en calquera caso, cunha pensión non contributiva as contas non saen. Porén, non é do prezo dos taxis do que se queixan as persoas afectadas, senón da falta de apoio por parte das insititucións públicas para garantir o acceso á sanidade, tanto é así que falan dunha "discriminación territorial".

Toño do Pando leva xa tempo contando os días para as próximas citas médicas, que tamén preocupan pola xestión dos desprazamentos. Aínda que conduce polas estradas da comarca, vese xa inseguro para levar o coche ata Lugo, onde ten cita no hospital este luns pola mañá. No mesmo día, pola tarde, terá outra proba na Coruña. Para chegar ao hospital servirase de taxis, de redes de amigos, de apoios que non sempre existen, e sen que dende as administracións exista algún plan para compensar esta discriminación.

undefined
Os integrantes do CDR. VICTORIA RODRÍGUEZ

"As dificultades multiplícanse cos anos, tanto pola saúde, xa que agora teño máis problemas de vista, como pola falta de veciños e de servizos. Hai dez anos eramos 12 persoas vivindo aquí, e agora somos só dúas. Antes podiamos ir a Lugo en bus dende Doiras, pasando por Becerreá. Era unha viaxe longa pero alomenos había unha opción. Hoxe non a temos", indica. A última visita ao cardiólogo custoulle 85 euros de volta. A ida fíxoa co Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Ancares, a entidade que presta apoio nestes casos.

Ramiro Martínez, cura de Cervantes e un dos promotores do CDR, recoñece que este é un dos problemas máis graves na zona, que incluso pode provocar que veciños que precisan certa asistencia deixen de pedila por non poder asumir os seus custos. "É un dereito que está sen cubrir», afirma, e fala desa discriminación territorial que se dá neste e en moitos outros planos, e que fai extensible a toda a zona da Montaña, da Fonsagrada a Pedrafita do Cebreiro, de Cervantes ao Courel. Foi precisamente co obxectivo de que o concello non perdese poboación que naceu, hai lustros, esta entidade.

Dos 1.200 veciños que ten o municipio, calcúlase que un total de 300 son maiores que viven sós ou na compaña doutra persoa maior que tamén precisa apoio. O CDR fixera hai anos unha enquisa que chegara a 178 persoas, para saber como querían pasar os últimos anos da súa vida. "Se podo, na miña casa", foi a resposta de todas. "Queremos axudar a cumprir ese desexo", comenta Ramiro Martínez.

"As familias fan un esforzo tremendo", indican dende o CDR. Na meirande parte dos casos, son os fillos os que recollen os pais e os levan ao médico. Pero son tamén moitas as persoas que están lonxe ou non poden atender esa necesidade. Nese caso, a entidade trata sempre de botar unha man.As axudas ao asentamento que impulsan chámanse así porque, no camiño de cumprir esa vontade dos maiores, a xente máis moza pode atopar posibilidades de asentarse coa axuda no fogar, ou co taxi.

Taxistas e acompañantes. Actualmente, son nove os taxis que funcionan no municipio. Porén, ás veces, quen quere desprazarse ao hospital non só se atopa co problema económico, senón coa pouca dispoñibilidade duns vehículos que, en horario de mañá, están ocupados no transporte escolar. O CDR cobre unha porcentaxe do desprazamento no taxi en función da pensión, e para as máis baixas asume a mesma viaxe. "Pensar que hai veciños con poucos ingresos que teñen que facer dúas viaxes ao mes é imposible", denuncian. Porén, atópanse coa dificultade engadida de ser a quilometraxe un gasto non subvencionable nas axudas das que dispoñen.

Por outra banda, tampouco é que se trate só do transporte, senón do acompañamento que moitas veces precisan os maiores. "Os taxistas que cobren este servizo fan ese acompañamento á consulta, toman nota das indicacións médicas, ou da propia medicación", comenta Amelia Amigo, do CDR. Son taxistas, pero tamén acompañantes, veciños.

Neste contexto, o equilibrio, para lograr algo tan básico como é o acceso á sanidade, é moi precario. Nútrese dos lazos de compromiso e solidariedade, pero precisa de atención. "Lémbrome de como choraba unha veciña de Donís da frustración o día que lle fallara o transporte para ir facer unha analítica. Ao final, solucionouse, pero ela dicía que non quería ir vivir a un piso a Becerreá", comenta Lola López, tamén do CDR, ante un problema que se agrava. "Os servizos públicos sáennos moi caros, e non pode ser", lamentan.

Pasar o día nun autobús, como se ten plantexado para recibir a radioterapia antes de que chegase ao Hula "non é digno para ninguén", denuncian. "Ten que haber solucións creativas, en colaboración cos veciños, coas institucións, coa sanidade", comenta Ramiro Martínez, que fala dun blablacar rural para ir ao médico, ou de quendas de analíticas por parroquias en coordinación cos servizos sanitarios, ou dunha centraliña que dende o CDR se ofrecen a xestionar. "Hai que ensaiar fórmulas reais e concretas", comenta quen entende a utopía como unha loita diaria, quen aínda confía no senso común. "Se hai abonos para o tren, que se aprobaron hai pouco, por que non facer algo así con isto, e que haxa vales para o taxi, que se lles dean directamente aos usuarios, e que poidan xestionar isto con autonomía, como fai calquera na cidade?", pregúntanse.

O rumor está en todas partes, a pesar de ser baixiño. A dispersión e o avellentamento fan que sexa difícil erguer a voz para esixir un dereito, ou para nomealo como tal. A historia tamén pesa, pois nela vai todo o que a estas terras se lles foi negando, os servizos, as oportunidades. "Pero isto non é un privilexio, é un mínimo", comentan. Tan claro coma as contas que non saen cando se pregunta canto custa ir ao médico, aínda que o problema sexa moito maior ca unha cuestión de números.

Demandas: "Precisamos de acompañamento"
Sonia Méndez vive en Barcelona. O seu pai, con 95 anos, é o veciño máis maior de Castelo de Frades. "Cando ten que ir ao médico, chamo dende Barcelona ao taxi. Chegar ao Hula sobe dos 100 euros, algo inasumible para unha pensión de 800", comenta. "Antes tiñamos transporte a Lugo, pero agora non", denuncia.

Veciños Méndez dispón, para o caso do seu pai, dunha rede de "veciños exemplares", pero solicita "axuda e acompañamento para que estas persoas poidan ir ao médico".

Comentarios