jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A psicóloga Laura Pardeiro narra a vida dende Os Ancares na súa revista dixital

Laura Pardeiro
Laura Pardeiro
Rexeitou un emprego en Inglaterra para volver a súa aldea nas Nogais

Na vida hai puntos de inflexión tan pronunciados coma os cumios dos Ancares, que Laura Pardeiro, psicóloga de profesión, ve dende a ventá. No seu caso, rexeitar un emprego en Inglaterra ao pouco de rematar un máster en Madrid para volver á súa aldea nas Nogais foi un deles. Outros non son tan picudos. Comezan coma quen non quere a cousa, "un pouco sen querer", di, pero acaban por facer sucos na terra.

Leiras e Marcos é un deses sucos. Así, hai case ano e medio, argallou un regalo especial para celebrar o aniversario do seu irmán, que cumpría 18 anos, e que se chama Marcos. De aí tamén as Leiras. E con ese nome titulou o primeiro número dunha revista na que recolleu historias do seu territorio e infancia compartidas. Pensou que non tería máis futuro. Pero estaba claro que aquela xoia non era un agasallo só para Marcos, senón para o mundo.

Neste tempo, a revista dixital que artellou Laura Pardeiro colleitou historias, receitas de cociña, entrevistas, reflexións. A publicación que tivo máis repercusión foi a do 25 de abril, cunha entrada sobre o mellor banco do mundo. Entre picos e sucos, ese banco está nunha vagante, como na zona se lles chama aos prados que baixan cara o río.

"Eiquí, na casa, non don recordado si o orballo me mollaba os pés de sentada. Da luz... Da luz xa pre qué falar; quen sabe si o sol escapaba amodín dos vagantes ou quedaba prendido das casiñas de Villaluz", escribe sobre o seu "lugarín", ese que quere que a memoria garde ben para volver cedo. E o escribe nese galego da Montaña que cambia en cada val. O coidado co que mima as palabras valeulle unha entrevista do proxecto Entrelinguas, da Universidade de Santiago, que busca recoller as variedades do idioma por toda Galicia. Ela deuse conta en Madrid de todo o que se perde cando non se fala a lingua na que se aprendeu o mundo. E cando dá conta das súas memorias de nena rural ou da importancia de ter un "rinconcín", "un espacio onde podas sentarte e apoiar a cabeciña nas maus pre, simplemente, mirar pre fóra", faino no idioma da súa fala.

Neste confinamento que pasa coa súa parella en Cervantes, aquel punto de inflexión faise raíz. Laura Pardeiro sempre estivo arraigada á súa zona, pero agora ese arraigo é maior, se cabe. "Oxalá a xente valore máis o rural a raíz desta crise. Penso que alomenos as persoas que temos contacto con el imos concienciarnos para que non esmoreza, e para que o consumo se asente no que se produce aquí. Hai exemplos que funcionan, como o da cooperativa A Carqueixa", indica.

Ela non quere poñerse como exemplo."Do único que son exemplo é de cuestionar esa perspectiva negativa que moitas veces predomina do medio rural, o que me fixo asentarme aquí de novo", indica. En contra desa perspectiva, preferiu a do seu "lugarín", o mellor banco do mundo. Preferiu pensar que é posible vivir no rural, e iso é o que quere contar.

«Oxalá puidese vivir de contar», é o que lle di á súa familia cando se permite soñar en voz alta. Ata agora, ese gusto que lle inculcaron dous profesores do IES de Becerreá e os libros sempre presentes na súa casa levouna da man coma unha compañeira de xogos. Leiras e Marcos non ten axuda de ningunha institución ou empresa, pero iso non quere dicir que non a mereza. Sería outro bo punto de inflexión.

A psicóloga Laura Pardeiro narra a vida dende Os Ancares na súa...
Comentarios