Profesionais do ecoturismo valoran o potencial da Montaña

O GDR 3 presentou na última xornada unha guía colaborativa de micropaisaxes que recolle 144 lugares dos 13 concellos participantes
GDR A Fonsagrada
photo_camera Algúns dos participantes na última xornada de encontros. EP

A Asociación Montes e Vales Orientais GDR 3 vén de concluír na Fonsagrada a última xornada sobre as oportunidades que ofrece o turismo como factor de desenvolvemento no rural e que reuniron a múltiples profesionais de distintos ámbitos e orixes.

O ecoturismo, as experiencias alternativas no rural e a cultura local, as rutas e as vilas históricas como elementos de desenvolvemento foron algúns dos temas que se trataron na primeira das dúas xornadas, que tería lugar o mércores en Navia de Suarna.

Durante o encontro celebrado este xoves nos Chaos (A Fonsagrada), abordáronse varios aspectos relacionados co desenvolvemento integral do territorio e o turismo sostible en espazos naturais protexidos. A xerente do GDR, Fe Álvarez, sinalou que foron charlas «moi produtivas». A conclusión principal xirou en torno ás posibilidades que ofrece o xeodestino Ancares-Terras de Burón para a aposta por un ecoturismo sen masificacións.

O GDR tamén presentou, en colaboración cos 13 concellos que pertencen ao proxecto, unha guía de micropaisaxes que reúne, nun mapa interactivo, 144 puntos singulares, dos que se di que xeran «un impacto visual positivo». Esta iniciativa, que pretende ser un espazo colaborativo, estará dispoñible na web do xeodestino e, a través dun código QR, distribuirase igualmente por medio de balizas nos lugares escollidos.

Na comida puidéronse degustar diferentes produtos locais da man da cooperativa A Carqueixa e doutros colectivos como a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada. Ademais, a directiva de Montes e Vales Orientais explicou que se traballa nun proxecto «innovador», baixo o grupo operativo Gayas, co fin de unir a produtores da montaña de Lugo e do suroccidente asturiano e así establecer conxuntamente estratexias e canles de comercialización directa.